Raúl Castro pide ''remover os obstáculos que impiden ou restrinxen os vínculos''

O presidente cubano, Raúl Castro, anunciou hoxe que Cuba e os Estados Unidos acordaron o "restablecemento das relacións diplomáticas", rotas desde 1961, e o compromiso de ambos os países de adoptar "medidas mutuas para mellorar o clima bilateral".

Castro agradeceu o apoio do Vaticano e do papa Francisco, ao "melloramento" das relacións entre Cuba e os Estados Unidos, e ao Goberno de Canadá por facilitar un diálogo de alto "nivel", que os dous países mantiveron alí durante varios meses de forma secreta. "Resultado dun diálogo ao máis alto nivel, que incluíu unha conversa telefónica que sostiven onte co presidente Barack Obama, púidose avanzar na solución dalgúns temas de interese para ambas as nacións", sinalou Castro nunha intervención na televisión estatal cubana vestido de militar.

Froito destas conversacións, os dous países acordaron a liberación, producida hoxe, do contratista estadounidense Alan Gross, preso por subversión en Cuba desde hai cinco anos; así como dos tres axentes cubanos do grupo dos "Cinco" que permanecían encarcerados nos Estados Unidos.

En troco por estes tres presos, Cuba excarcerou hoxe e enviou os Estados Unidos "a un espía de orixe cubana que estivo ao servizo desa nación", indicou.

O mandatario cubano aclarou que aínda que se decidiu avanzar na normalización das relacións entre os dous países, "isto non quere dicir que o principal se resolvese" e esixiu o fin do "bloqueo económico, comercial e financeiro que provoca enormes danos humanos e económicos". "Aínda que as medidas do bloqueo foron convertidas en Lei, o Presidente dos Estados Unidos pode modificar a súa aplicación en uso das súas facultades executivas", recordou Castro.

O presidente cubano admitiu que persisten profundas diferenzas entre os dous países "fundamentalmente en materia de soberanía nacional, democracia, dereitos humanos e política exterior", pero reafirmou a "vontade" do Goberno de Cuba a dialogar sobre todos eses temas. "Propomos ao Goberno dos Estados Unidos adoptar medidas mutuas para mellorar o clima bilateral e avanzar cara á normalización dos vínculos entre os nosos países, baseados nos principios do Dereito Internacional e a Carta das Nacións Unidas", indicou Castro.

Neste novo clima de diálogo, Castro exhortou os EE UU a remover "os obstáculos que impiden ou restrinxen os vínculos entre os nosos pobos", en particular os relativos ás viaxes, o correo postal directo e as telecomunicacións. "Os progresos alcanzados nos intercambios sostidos demostran que é posible atopar solución a moitos problemas. Como repetimos, debemos aprender a arte de convivir, de forma civilizada, coas nosas diferenzas", aseverou.

Comentarios