Ramona Maneiro, amiga de Ramón Sampedro: "Só hai unhas vítimas: Andrea e os seus pais"

Ela é unha voz autorizada sobre a eutanasia e a morte digna. Súa é a man que achegou o vaso de cianuro a Ramón Sampedro cando este decidiu honrar á vida abrazando á morte
Ramona Maneiro
photo_camera Ramona Maneiro

Adoitaba dicir Ramona Maneiro que axudar a morrer a Ramón Sampedro foi un acto de amor. As palabras dos pais de Andrea Lago adoitan tocar sentimentos similares. Logo de 17 anos, parece que non tanto cambiou no debate acerca da morte digna e a eutanasia.

¿Que opina da situación de Andrea Lago?

É moi complicado porse na pel da familia, pero apoio os pais de Andrea incondicionalmente. Sobre todo cando teñen a certeza de que ela non vai curar, que só lles espera ver a súa filla deteriorarse e sufrir.

¿Que lles aconsellaría na súa loita?

Os consellos non dan diñeiro, como dicía a miña avoa. A eles só me queda transmitirlles ánimo, que é moi importante. En cambio, a aqueles que non queren axudalos dalgún modo, si lles pediría que os deixasen en paz e os axudasen de verdade se teñen corazón, porque é marear a perdiz e alongar algo que non ten solución. E dóeme, porque significa facerlles un dano tremendo a eles e a Andrea. Oxalá non lles alonguen a espera e que os axuden xa para que non sufran cada día. Neste tema só hai vítimas, que son a nena e os seus pais. Non creo que pidan a morte da súa filla por pedila. Están a esnaquizarlles a vida.

¿Ve paralelismos entre os casos de Andrea e Ramón Sampedro?

É unha loita polo mesmo, aínda que penso que a de Ramón foi antes de tempo... Se estivese legalizada a eutanasia, situacións así serían moito máis fáciles para a xente que a necesitase e as súas familias. E non habería máis das que hai agora, porque agora a xente que ten diñeiro non ten os seus familiares sufrindo inutilmente. É moi bonito vivir e a vida é moi importante, pero por desgraza as enfermidades ou os accidentes están aí, á orde do día. Entón, ¡que máis bonito sería pór o final sen unha penosa e inútil agonía!

"Andrea e Ramón Sampedro loitan polo mesmo. Se a eutanasia fose legal serían situacións máis fáciles"

¿Avanzou a conciencia sobre a eutanasia e a morte digna desde 1998?

Os que moven os fíos son os políticos e eles frean o avance. Son uns mamóns e vanse aproveitar de Andrea para os seus votos. ¡A nai que os pariu! Pero a sociedade é moi sabia. Cando saen en prensa estes casos é cando se removen conciencias, aínda que moitos destes casos non saen á luz. Este avance móvese en silencio, a xente non está a facer o bobo, hai médicos boísimos e non nos quedamos aí parados.

¡A lexislación actual é suficiente ou fan falta modificacións?

Claro que fan falta, porque un non debería estar a pasar penurias para que lle axuden a morrer. ¿Que carallo queren revisar aí?

¿Que provoca tanta conflitividade nestes temas?

A hipocrisía é fundamental. Por exemplo, é incrible a hipocrisía que se gasta a xente que fala na televisión sobre este e outros casos e a chulería que teñen para dicir barbaridades. É para matalos a eles. Aínda que nomeen a Deus eses crentes ridículos, tan crentes que non o cren nin eles, noméano en balde. Porque seguro que eu mesma ou os pais de Andrea somos máis crentes sen ter que nomear a Deus.

¿Que factura lle pasou persoalmente axudar a Ramón Sampedro?

De todas as críticas aprendes e non me preocupo. Asegúroche que na balanza pesan máis as opinións boas que as malas. A xente que non me cre dáme mágoa escoitala, porque son uns hipócritas: ninguén no seu san xuízo querería estar como Ramón ou como Andrea. E nin sequera querería estar nunha cadeira de rodas. O que me dá moita pena é ver o sufrimento que hai ao meu ao redor e a impotencia de non poder botar unha man.

¿Arrepíntese de colaborar no seu suicidio?

Encántame falar de Ramón e non me arrepinto de nada. Só me dá pena ter que falar do tema no século no que estamos. Creo que só avanzamos para atrás en todo.

Comentarios