Ramón Villares no Monte Castelo: "Non emigra quen quere, senón quen pode"

O presidente do Consello da Cultura Galega ofreceu o luns unha charla a alumnos do instituto
Ramón Villares, na súa charla en Burela
photo_camera Ramón Villares, na súa charla en Burela

O presidente do Consello da Cultura Galega, o chairego Ramón Villares, ofreceu o luns unha charla a alumnos do instituto Monte Castelo de Burela, diante dos que disertou sobre ‘As migracións: Un vello novo problema’. O encontro foi programado dentro de convocatoria da Xunta Edumotiva 2016/2017, que ten como obxectivo ofrecer aos centros de ensino non universitario galegos experiencias de diferentes persoeiros de recoñecido prestixio e relevancia na sociedade galega e que destacan en diferentes campos profesionais.

Villares veu a Burela para falar de historia, diante dun auditorio cheo de alumnos de 2º de Bacharelato e 4º curso de Eso, con algúns rapaces de ascendencia sudamericana e lusófana entre o mesmo. Explicou o fenómeno migratorio, remontándose ao tráfico de escravos dende África cara a América. A esta emigración forzada sucederíalle un gran aluvión de xente dende Europa cara a Sudamérica e Norteamérica dende 1890, só interrompida durante moitas décadas polas dúas guerras mundiais, o que trouxo grandes cambios nas repúblicas sudamericanas.

«Non emigra quen quere, senón quen pode», dixo o catedrático, xa que antano coma hoxe se necesitaba boa información, contactos e cartos para ter algún éxito na emigración. Pero se nun tempo os labregos e mariñeiros galegos empeñaban leiras e casas para comprar as pasaxes, agora cambiaron as tornas e é Europa a que acolle grandes chegadas de inmigrantes. Non esquivou a actualidade dos muros que quere impoñer Donald Trump, ou a traxedia dos refuxiados sirios afogados tentando escapar a través do Mediterráneo. En pouco máis dunha hora e en clave moi didáctica informou a rapaces que acostuman consultar os seus libros, ou das referencias sobre a emigración en persoeiros galegos da cultura como a escritora Rosalía de Castro, moi apoiada polos emigrantes en Cuba.

Os propios discursos de Villares, artigos sobre o nacionalismo e o seu libro da historia galega, teñen a emigración como protagonista.Tamén o son na materia ‘Historia de Galicia’ que por primeira vez este ano imparte no Monte Castelo a profesora e discípula Herminia Pernas. Acompañado da súa dona, Villares agradeceu un regalo de bonito en conserva de Burela e tamén o excelente comportamento do alumnado, preguntando pola súa diversidade.

Comentarios