Ramón Lobo inaugura #INLUGO14 cunha charla sobre o xornalismo dixital

O congreso sobre Internet #INLUGO14 arrinca este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O evento, gratuíto e aberto ao público, converterá Lugo no centro de referencia das redes sociais de Galicia. As 200 primeiras entradas postas á venda esgotáronse nunha hora aínda que quedan dispoñibles as últimas localidades para ver o congreso desde o Salón de Plenos. Os interesados poden entrar nas páxinas web www.deputacionlugo.com ou www.inlugo.com.  

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará o evento ás 16.30 horas e presentará no relatorio inaugural a Ramón Lobo, xornalista, escritor, blogueiro e correspondente de guerra en conflitos como Bosnia, Kósovo, Chechenia, Iraq, Afganistán, Serra Leona ou Ruanda. Lobo falará sobre O verdadeiro momento do xornalismo dixital. Seguiralle unha mesa redonda sobre Os virales que nos gobernan con Pepo Jiménez, responsable da plataforma que monitoriza os contidos da rede máis exitosos, e Delia Rodríguez, xornalista do Huffington Post, experta en Internet e autora de Memecracia, onde relata o fenómeno dos memes e virales, así como a súa influencia na sociedade. Ás 19.00 horas, Efrén Álvarez, lucense que participou en Master Chef, e os blogueiros Luis Rodríguez e Paco Becerro avaliarán A moda gastronómica. A xornada terminará ás 20.00 horas, con Humor 2.0, unha actuación musical a cargo de Víctor Grande.

A primeira edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO converteuse en Trending Topic en Twitter e foi seguido en directo por máis de 2.000 persoas a través das redes sociais. Trátase dunha iniciativa cofinanciada nun 80% por fondos europeos do Innova-TE, enmarcada na aposta da Deputación por achegar as novas tecnoloxías aos cidadáns. Ten como obxectivo fundamental fomentar o uso da Rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre as implicacións que teñen na vida diaria.

Comentarios