Rajoy e Rubalcaba seguen 'desangrándose' en valoración cidadá

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cunha nota de 2,22, e o líder da oposición, Alfredo Pérez Rubalcaba, cun 3, seguen baixando na opinión que os cidadáns teñen deles, segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que apunta a Rosa Díez (UPyD) como a líder mellor valorada.

O último barómetro do CIS, difundido hoxe, sinala que o portavoz parlamentario de ERC, Alfred Bosch, é o único líder que mellora a puntuación respecto ao anterior barómetro, cun 3,77, cando antes tiña un 3,67.

No entanto, a mellor valorada sigue sendo Díez, cun 4,15 (tiña un 4,28 en outubro), seguida da deputada de Geroa Bai, Uxue Barkos, cun 3,83, aínda que baixa en comparación coa nota de 3,96 que a cidadanía lle deu no barómetro de outono.

O terceiro é Bosch, seguido do coordinador de IU, Cayo Lara, cun 3,72 (tiña un 3,81), e Rubalcaba empatado co portavoz de CiU no Congreso, Josep Antonio Duran Lleida, ambos cun 3 (o secretario xeral do PSOE tiña antes un 3,13 e o dirixente nacionalista, un 3,03).

Quen menos nota obtén é portavoz do PNV na Cámara Baixa, Aitor Esteban, cun 1,98 (tiña un 2,28 en outubro), e acompáñanlle pola cola o deputado de UPN Carlos Salvador, cun 2,02 (2,17 antes) e Rajoy, co 2,22 (fronte ao 2,42 anterior).

Por orde de clasificación a partir do sexto lugar, están a portavoz do BNG, Olaia Fernández, cun 2,84; a de CC, Ana Oramas, cun 2,65; o de Amaiur, Mikel Errekondo, cun 2,48; o deputado do Foro Asturias, Enrique Álvarez Sostres, cun 2,36, e o parlamentario de Compromís, Joan Baldoví, cun 2,35.

Ao ser preguntados pola confianza que lles inspira persoalmente o presidente do Goberno, o 63,3 por cento dos enquisados polo CIS asegura que "ningunha", mentres que ao 24,8 por cento ofrécelle "pouca"; ao 9,4 por cento, "bastante", e ao 1,4 por cento, "moita" confianza.

No caso de Rubalcaba, ao 56,2 por cento dálle "ningunha" confianza; ao 34,7 por cento ofrécelle "pouca"; ao 6,6 por cento, "bastante", e ao 0,7 por cento, "moita".

Comentarios