Rajoy tomará posesión como presidente o próximo 21 de decembro

O líder do PP, Mariano Rajoy, tomará posesión como presidente do Goberno o próximo 21 de decembro e o seu equipo farao un día despois.

Así o anunciou hoxe a secretaria xeral do PP, María Dores de Cospedal, na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo Mariano Rajoy cos presidentes autonómicos do seu partido para pedirlles un compromiso co déficit público.

O número dous do PP dixo que o debate de investidura terá lugar o 19 e 20 de decembro, que o 21 tomará posesión Mariano Rajoy como presidente do Goberno e que o 22 farano os novos ministros.

Un día despois, o 23 de decembro, terá lugar o primeiro Consello de Ministros do Goberno do PP, e o 30 o segundo, segundo as previsións de Cospedal.

Na reunión, Rajoy expuxo aos seus compañeiros de partido o que serán as catro prioridades do seu Goberno: Europa, o problema do sistema financeiro, o déficit público e a reforma laboral.

Comentarios