Rajoy: ''Sempre que poidamos seguiremos subindo as pensións''

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, asegurou hoxe que sempre que poida vai seguir subindo as pensións, como xa fixo nos dous orzamentos elaborados polo seu Executivo.

Durante a sesión de control no Congreso, Rajoy dixo que a prioridade fundamental do Goberno é garantir o sistema de pensións para o futuro a través do modelo de sustentabilidade e que non vai ampliar a idade de xubilación máis aló dos 67 anos establecidos na reforma do anterior Executivo socialista.

"E sempre que poidamos, como fixemos nos dous orzamentos, seguiremos subindo as pensións", engadiu.

Foi en resposta ao portavoz de CIU, Josep Antoni Durán i Lleida, que lle pediu que aclarase por que é urxente unha nova reforma do sistema de pensións e se pensaba acordala cos partidos políticos e os axentes sociais.

O deputado catalán fíxolle esta pregunta ao fío das recomendacións da Comisión Europea (CE), nas que entende que tamén se inclúe unha subida do IVE, razón pola que lle pediu o presidente que dixese con claridade se vai introducir modificacións no IVE e se o pensa facer en favor dunha rebaixa do IRPF.

Rajoy volveu a insistir en que a CE non está a pedir unha subida do IVE e que o Goberno "non ten intención de subir o IVE".

Sobre a necesidade de que flúa o crédito ás pemes, o presidente recordou que no próximo cume europeo reclamará un papel máis activo do Banco Europeo de Investimentos (BEI) a este respecto e que o Goberno xa está a tomar medidas como a lei de emprendedores.

Foi despois de que Durán i Lleida lle preguntase que pensa facer para que aumente o crédito ás empresas.

"Vostede chamaba onte á responsabilidade dos bancos, pero vostede xa é banqueiro, porque é propietario de tres bancos (nacionalizados), ¿que pensa facer?", preguntoulle.

Comentarios