Rajoy asegura que o Plan de Crecemento non abriu unha ''fronte de ninguén contra ninguén''

O xefe do Executivo español, Mariano Rajoy, apostou hoxe por reformas estruturais para liberalizar os mercados europeos e asegurou que a carta subscrita por doce países ante o próximo cume da UE, que non asinaron Alemaña nin Francia, "non é unha fronte de ninguén contra ninguén".

Rajoy apoiou a oportunidade desta misiva xunto ao primeiro ministro británico, David Cameron, outro dos asinantes, ante o convencemento de que hai que acompañar as políticas de austeridade con iniciativas que fomenten o crecemento económico. "Non é unha fronte de ninguén contra ninguén", senón unha carta "boa" e que defende a necesidade de impulsar un "ambicioso" proxecto de reformas "con determinación e coraxe para polas en marcha e non só para debater", indicou Rajoy nunha rolda de prensa conxunta con Cameron en Downing Street, a residencia oficial do primeiro ministro británico en Londres.

Cameron e Rajoy son dous dos doce líderes da Unión Europea que subscribiron a misiva, tamén asinada polos seus homólogos de Italia e Suecia. Ante o feito de que nin o presidente francés, Nicolas Sarkozy, nin chanceler alemá, Angela Merkel, asinárona, Cameron deixou aberta a posibilidade de que poidan facelo nun futuro e destacou que "un grupo forte de países" apoiouna.
"A carta pide que se complete o mercado único" en materia dixital, de servizos e enerxía e que se impulse a innovación, indicou o primeiro ministro británico, do Partido Conservador, en sintonía co expresado polo presidente do Goberno español.

Para Rajoy, é necesario actuar en catro frontes diferentes simultaneamente: manter a disciplina orzamentaria con recortes e axustes, impulsar reformas para sentar as bases do crecemento, manter as medidas monetarias do Banco Central Europeo e pór en marcha cambios estruturais en toda a UE.

O encontro entre ambos os líderes prodúcese ao día seguinte da aprobación do segundo rescate para Grecia, un país que "tomou unha decisión" e debe continuar recortando o gasto público e aplicar "duras" medidas fiscais, segundo Cameron.

Comentarios