Raiolas cumpre dez anos


A compañía Raiolas, de Alfoz, está de celebración porque cumpre unha década encima dos escenarios. Doce pezas teatrais son o nexo de unión dun conxunto de máis de 50 persoas de diferentes municipios da Mariña, que forman un equipo no que para participar só se piden ganas, ilusión e compromiso.

O grupo teatral Raiolas de Alfoz celebra o décimo aniversario do seu nacemento. Raiolas xurdiu «case sen contar» recorda José Antonio Lorenzo ‘Cachín', pois ten os seus inicios no mercado medieval do ano 2001 cando a organización buscaba que facer cun oco que tiñan libre no calendario do festexo. «Eramos seis actores e unha apuntadora e decidimos facer unha obra de Manuel Lourenzo, ‘A sensación de Camelot’». Nese mesmo ano decidiron constituírse como grupo e empezar a ruta de actuacións por diversos pobos.

O ano 2002 foi «un ano moi bo, incorporouse máis xente e naceu o que eu denomino como espírito raioleiro» apunta Luís Miguel Yáñez. Recorda que era como unha «filosofía de ser, unha pandilla coa que saír e pasalo ben, a todos nos veu moi ben atopar isto, foi enriquecedor». Por aqueles anos aproveitaban as actuacións para facer viaxes e coñecer os lugares onde lles tocaba actuar, «saíamos de Alfoz pola mañá cedo cando a actuación era ás 22.00 horas, aproveitábamos para pasar o día todos xuntos», menciona Luís Miguel.

Hoxe en día o grupo conta con máis de cincuenta persoas, a evolución é máis que notable e chegan coas súas obras a toda a provincia de Lugo e a zona occidental do Principado de Asturias.

Raiolas ten sitios nos que lles gusta máis facer representacións, como é en Ferreira do Valadouro, onde o salón de actos préstase para este tipo de actuacións; Alfoz, onde a pesar de que «o sitio é moi reducido, pero é especial porque é a túa casa», sinala Cachín, e Foz «porque ten habido case mil espectadores á vez», apunta Pepe Peinó. De todos os xeitos aluden a sitios «entrañables» como Villares en Guitiriz e As Negradas no Vicedo, onde van todos os veciños das aldeas ás representacións.

Polifacéticos

O grupo non só dedícase ao teatro, senón que ademais diso elaboraron un curto propio ‘A Carta' e participaron noutros que dirixe Pepe Peinó. Fixeron varios programas en Radio Valadouro e colaboran en multitude de facetas no mercado medieval de Alfoz: na taberna, animando a festa, como bufóns, amenizan os sorteos e fan representacións logo da cea.

«Para formar parte de Raiolas hai que ter ganas, ilusión e compromiso» sinala Cachín, quen pertence ao grupo desde os seus inicios. Son moitos os que empezaron facendo unha substitución dunha persoa que non podía asistir á actuación e acabaron por entrar de cheo no «mundo raioleiro». A maioría das obras escríbeas Peinó, aínda que representaron obras doutros autores como ‘O achado do Castro' de Manuel Núñez Singala ou ‘A lotaría' de Hugo Daniel Marcos. A temática é moi diversa, pero sempre teñen un toque de humor. «Nós facemos teatro para divertirnos e facer que a xente pase un bo rato con nós», explica Susi Paz.

Algúns actores como Dani Lorenzo ou María Quirós teñen un mérito especial, «porque en dous días aprenden o papel para substituír a quen sexa» mencionou Peinó.

Anécdotas

Moitos son os momentos que recordan os raioleiros con ilusión, como caídas e golpes sufridos durante as actuacións, ocasións nas que se lles esquecía o papel e tiñan que improvisar, roturas do decorado... pero sempre saen desas situacións grazas a que «hai moitos recursos de improvisación, porque como a xente non coñece a obra podes botar man de diferentes cousas», comenta Susi Paz.

Luís Miguel Yáñez alude a persoas moi importantes na composición do grupo, como Chus Rábade, «quen sen recibir nada a cambio nin saír en escea, está en tódolos ensaios e colabora como apuntadora, para nós é como unha gran nai», destacou.

Agora están a representar a súa nova obra ‘Non volvas, Salustio, non volvas', que xa é a duodécima obra do grupo, representarana o 19 de agosto nas Negradas, O Vicedo e o 28 do mesmo mes no municipio de Foz.

Amizade. Unha compañía formada por máis de 50 amigos de diferentes idades

Raiolas está formado por unha gran cuadrilla de amigos que ademais de facer teatro van a moitos sitios xuntos. Na foto están Gonzalo, Cachín, Peinó, Luís Miguel, Rubén, Leni, Nati e Lucía na obra ‘A Pousadeira', unha historia que defende ás mulleres nunha época na que elas non gozaban de demasiados privilexios. Nesta obra nobres e campesiños enfráscanse nunha simpática trama cun final que é unha mestura de traxedia e de comedia

Humor. Risas e chistes no escenario

Luís Miguel e Cachín son dous actores que fan pasar ao público moi bos momentos durante as actuacións. Na foto atópanse nunha das escenas da obra ‘Un mal día' onde os seus personaxes estaban enfrontados e pasábanse todo o tempo pelexándose e discutindo.

CELEBRACIÓN
‘O gran raiolo', unha obra chea de recordos

Raiolas estreou o ano pasado a obra ‘O gran raiolo' con motivo de que se achegaba o décimo aniversario do grupo teatral. Esta obra recolle fragmentos doutras pezas que interpretaron ao longo destes dez anos. Son moitas as persoas que pasaron polo grupo, por iso, os compoñentes planean facer un acto para celebrar o aniversario, e recordar os mellores momentos vividos arriba do escenario.

Sen axudas

«Nunca quixemos axudas nin subvencións, só nos pagan por actuar, unhas veces máis cando se trata de obras dentro do programa Buxiganga e outras veces menos pero nós imos sacando para os gastos internos do grupo: decorado, vestiario, transporte», explica Peinó.

Comentarios