Radio Florida distingue ó mesón Catro Ventos pola súa labor emprendedora

Acto de entrega da distinción (Foto: Tanis)
photo_camera Acto de entrega da distinción (Foto: Tanis)

O mesón Catro Ventos, da Fonsagrada, recibiu onte unha distinción do programa A Nosa Galicia, que emite Radio Florida de Hospitalet. Este galardón premia a capacidade emprendedora dos responsables do local, a súa aposta polo sector turístico como motor de dinamización da economía da zona e polas súas iniciativas no ámbito gastronómico.

O premio, consistente nunha placa, foi entregado polo condutor do programa radiofónico, Armando Fernández López, quen agradeceu a colaboración que os propietarios do mesón Catro Ventos prestan a Radio Florida sempre que llelo requiren.

Armando Fernández explicou que o seu programa vai dirixido á comunidade galega que reside en Cataluña. Faise en lingua galega e trata temas propios da comunidade, como a música ou a gastronomía. Informa tamén sobre eventos que se desenvolven en Galicia e, especialmente, na provincia de Lugo. «O obxectivo é que a comunidade galega do exterior non perda o contacto coa súa terra e se manteña informada do que pasa en Galicia», explica o presentador.

En galego

Subliña que o programa se emite en galego e que esta lingua foi «moi ben aceptada polos cataláns, que teñen gran respecto polo seu idioma e tamén polo noso».

Armando Fernández é natural de Navia de Suarna, marchou para Cataluña hai 45 anos e pasa as vacacións na Fonsagrada. Aproveitou o período estival para organizar o acto de distinción e facer entrega persoalmente do agasallo de agradecemento ó mesón Catro Ventos.

O programa A Nosa Galicia emítese os venres de 17.00 a 19.00 horas. A dirección de Radio Florida ten intención de emitilo en breve a través de internet. O seu obxectivo é universalizar os seus contidos e facelos accesibles para tódolos galegos que residen fóra da súa terra natal.

Comentarios