Racer Chapas, a antiga Onte, presenta o seu terceiro concurso de acredores

A madeireira sarriá vive o seu terceiro procedemento concursal, despois de que se liquidasen as dúas firmas predecesoras
La fábrica Racer Chapas, en San Xulián da Veiga
photo_camera La fábrica Racer Chapas, en San Xulián da Veiga

A empresa sarriá Racer Chapas, a antiga Onte, presentou concurso voluntario de acredores no xulgado Mercantil de Lugo ao acumular unha débeda de 800.000 euros. Trátase do terceiro procedemento concursal que vive esta madeireira de San Xulián da Veiga, despois de que se liquidase Onte e posteriormente Gentina.

O debedor conserva as facultades de administración e de disposición do seu patrimonio, pero sometidas estas a a intervención da administración concursal. Para esta función foi designada a entidade Vamaleysan. Os acredores deben pór en coñecemento da administración concursal a existencia dos seus créditos. Disporán para iso dun prazo dun mes, unha vez sexa publicado o anuncio.

Este proceso é o mesmo que seguiu en 2008 a empresa Onte. Naquel momento o seu propietario calculou que a débeda alcanzaba os 24 millóns de euros. O concurso de acredores arrastrou tamén a Transportes Valcárcel, que seguiu así os pasos da súa matriz. Xa no ano 2009 a madeireira foi liquidada, aínda que renaceu pouco despois coa denominación de Gentina. A pesar do cambio de nome, a empresa continuou sendo do mesmo propietario.

Outro tanto ocorreu con Gentina, a cal presentou concurso de acredores a finais do ano 2011. Entón o dono cifrou nuns cinco millóns de euros a débeda da firma. A empresa tamén acabou sendo liquidada.

Agora a madeireira opera como Racer Chapas e o propietario de Onte e Gentina está vinculado á mesma, pois figura como apoderado desta sociedade. Dispón de menos de 20 operarios.

Onte chegou a ser unha das principais empresas da comarca sarriá e contou con máis de 200 traballadores, aínda que desde o ano 2008 sufriu expedientes de regulación de emprego (Eres). Hai só unhas semanas un xulgado lucense condenou a Gentina e Onte a abonar 90.000 euros a sete antigos empregados por indemnizacións de Eres e pagas extraordinarias.

Comentarios