Quen di rock tendo rap?

Edgar Marentes (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Edgar Marentes (Foto: Xesús Ponte)

Con tan só 16 anos, Edgar Marentes Rodríguez forma parte dun dos grupos lucenses de rap máis importantes a nivel local, un xénero musical que adora e ao que, asegura, gustaríalle dedicarse profesionalmente.

"Un grupo de amigos e eu decidimos formar unha crew", explica Edgar Marentes, "ou o que é o mesmo, un grupo de mozos que se dedica a rapear con letras improvisadas", engade. Así, o grupo faise chamar MG90's e está formado por varios amigos como son Kaze (Yago), Suko (Alberto), Cesc (César), Master-C (Jose), La Chica (Andrea), Lage (Alberto Lage) e Edgar, alcumado MCLógica, todos eles de idades similares.

"Basicamente o que facemos é quedar nun lugar calquera e, sobre unha base de música, improvisamos letras ao redor de diferentes temas, xa sexa algún que se nos ocorre nese momento ou algún que nos suxiren os transeúntes".

As súas letras son sempre en castelán, pois asegura que "rapear en galego é bastante difícil", e a pesar de que non contan no seu haber con actuacións a gran escala xa fixeron os seus pequenos primeiros pasos como grupo no IES Leiras Pulpeiro, centro no que estuda Edgar Marentes.

"Pedimos ao director que nos deixase actuar e finalmente puidemos organizar un encontro de raperos, nel cantamos as nosas letras e tamén improvisamos sobre temas que nos pediu o público", recorda.

Tras iniciarse neste mundo porque lle gustaba moitísimo o rap", a nivel persoal este mozo lucense espera a súa oportunidade para lanzar un disco ao mercado, "se tivese os medios económicos suficientes dedicaríame a isto, pero aínda así non deixarei de intentalo porque o meu soño é chegar a ser un profesional dentro deste campo", insiste.

Entre os seus ídolos, Tupac Shakur, unha das figuras máis prometedoras a comezos dos 90 dentro do hip-hop da costa oeste americana, falecido en 1996 tras ser tiroteado.

Deixando ao carón admiracións e letras polémicas, Edgar Marentes recoñece que lle faltan infinidade de cousas por aprender, "pero que cun pouco de esforzo, dedicación e sorte" poderá lograr o seu obxectivo. "Empecei neste mundo compondo e cantando hai tan só catro meses, e agora só estou á espera de patrocinador para sacar un disco".

Así, xa bautizou a súa primeira maqueta como Cultura y clase, e nela versa temas de todo tipo que recolle en cancións como Motivos de existencia, La ciudad, Familia al completo ou Nueva era.

"Hai moita xente que vive disto e eu tamén quero facelo, basicamente necesito darme a coñecer, un patrocinador, un pouco de sorte e que as letras gusten", explica Edgar ilusionado cun proxecto que espera non tarde moito en lanzarse ao mercado.

Comentarios