Queixas en Castro de Rei polo peche do consultorio médico durante dous días

O BNG pide que se cubra a baixa e o Sergas aclara que xa o fixo

Os veciños de Castro de Rei que acudiron este xoves ao consultorio médico da capitalidade municipal atopáronse a porta pechada e unha nota "colocada na porta" na que se indicaba que a consulta permanecería pechada onte e hoxe, segundo explican desde o BNG local, que fixo públicas as queixas veciñais por esta situación. 

Os nacionalistas critican unha situación que se repite moi a miúdo neste consultorio", segundo din, e piden ao Sergas que "cubra de forma inmediata esta baixa do persoal facultativo". Demandan ademais a Sanidade "que adopte as medidas precisas para que no futuro non se repitan estes feitos", xa que, polo que lles transmitiron os veciños , as persoas que tiñan cita non foron advertidas da ausencia do médico. 

Desde o Servizo Galego de Saúde confirmaron que o médico que pasa consulta todos os días en Castro de Rei está de permiso por vacacións, "ás que ten dereito como calquera traballador", e que a súa ausencia si se cubriu cun substituto, aínda que se aclara que "durante tres días", entre os que se inclúen as xornadas deste mércores e hoxe, xoves, non foi posible a incorporación doutro facultativo, "xa que apenas hai substitutos nas listas de contratación para esta categoría". 

O Sergas recorda, ademais, que os pacientes adscritos ao consultorio de Castro de Rei son atendidos no propio concello, no centro de saúde de Castro, "que se atopa a uns sete minutos" e que tamén neste centro "se dá resposta asitencial ás urxencias médicas que se presenten". 

Pola súa banda, o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, lamentou as molestias que puidesen sufrir os veciños, especialmente se tiñan cita, pero incidiu en que están atendidos, ao haber outro centro de saúde no mesmo municipio e a só uns quilómetros. 

O consultorio de Castro de Rei conta cun médico fixo, que atende todos os días de 10.30 a 13.30 horas, segundo infórmase no Sergas, ao que se une outro facultativo en días puntuais, ademais dun ATS.

Comentarios