Queda controlado o lume da Pontenova, o sexto no que vai de ano na provincia de Lugo

A Consellería de Medio Rural informou de que o incendio forestal que comezou ás 02:07 horas da pasada madrugada no municipio lucense da Pontenova, concretamente na parroquia de Bogo, o sexto no que levamos de ano na provincia de Lugo, quedou controlado ao redor das 07:23 horas da mañá.

De acordo coas primeiras estimacións, ese lume calcinou 35 hectáreas de monte raso e nos traballos de extinción participaron tres axentes forestais, cinco brigadas e tres motobombas.

Por outra banda, Medio Rural tamén deu por extinguido o incendio forestal que comezou onte pola mañá na parroquia de San Acisclo, no municipio lucense de Foz, que calcinou unhas cincuenta hectáreas de monte arboledo, segundo as primeiras estimacións provisionais.

Segundo informaron fontes de Medio Rural, ese incendio, que comezou onte ás 08:52 horas, quedou extinguido ao redor das seis da pasada madrugada.

Nos labores de extinción participaron dous técnicos, dez axentes forestais, quince brigadas, oito motobombas, unha escavadora e tres helicópteros.

As brigadas da Xunta de Galicia, en concreto un retén que quedara para evitar que se reavivasen as chamas, tamén tiveron que intervir de novo onte no municipio de Xermade, ao comezar a arder outra vez nunha zona que xa fora calcinada polos incendios do día anterior.

A Garda Civil investiga a autoría dos tres incendios que comezaron de forma case simultánea no municipio de Xermade.

O lume extinguido na Pontenova é o sexto incendio na provincia de Lugo, con consecuencias máis ou menos graves, no que levamos do presente ano.

Medio Rural tamén deu por extinguido onte ás dez e media da noite outro incendio que se produciu no municipio de Santiago de Compostela (A Coruña), concretamente na parroquia de Figueiras.

O lume comezara ao redor das seis menos cuarto da tarde e segundo estimacións provisionais calcinou 19,5 hectáreas, 10 de monte raso e 9,5 de superficie arboredo.

Na extinción dese lume traballaron catro axentes forestais, oito brigadas, seis motobombas, unha escavadora e un helicóptero.

Comentarios