Prorrusos ucraínos acusan o xornalista estadounidense secuestrado de espionaxe

O autoproclamado alcalde da rebelde Slaviansk, Viacheslav Ponomariov, acusa de espionaxe o xornalista estadounidense Simon Ostrovsky, secuestrado polas milicias prorrusas desa cidade ucraína.

"Segundo os nosos datos, el é informador do Sector de Dereitas", organización ultranacionalista ucraína, asegurou Ponomariov en rolda de prensa, citado polas axencias rusas.

Ponomariov confirmou que o reporteiro está retido polas milicias de defensa propia de Slaviansk, baluarte da sublevación prorrusa contra o Goberno central de Kiev, na rexión mineira de Donetsk.

"Este xornalista ten dobre nacionalidade, dos Estados Unidos e Israel", agregou.

O alcalde, quen comunicou aos pais do reporteiro que o seu fillo se atopa en perfecto estado de saúde, negou a véspera o secuestro.

"Ninguén o secuestrou. Ninguén o retén como refén. Está con nós, no edificio do Servizo de Seguridade de Ucraína, está a preparar un material, está a traballar", dixo.

A última reportaxe audiovisual enviada por Ostrovsky é do domingo, 20 de abril, cando varias persoas morreron nun tiroteo contra un posto de control en Slaviansk, do que os prorrusos acusan os ultranacionalistas.

O Sector de Dereitas foi a forza de choque durante os disturbios en Kiev que desembocaron no derrocamento do presidente Víktor Yanukóvich o pasado 22 de febreiro.

Estados Unidos expresou a súa "profunda preocupación" polo secuestro do reporteiro, que traballa para o portal dixital VICE News.

"Condenamos tales accións e todas as recentes capturas de reféns no leste de Ucraína", informou o Departamento de Estado nun comunicado.

Os EE UU demandaron a Rusia que "use a súa influencia sobre estes grupos para lograr a liberación inmediata e a salvo de todos os reféns no leste de Ucraína".

Ostrovsky é un dos xornalistas retidos nas últimas dúas semanas polas milicias en Slaviansk, como é o caso da ucraína Imra Krat, a quen mostraron cos ollos vendados fronte a outros reporteiros.

Comentarios