'Ensueños' de Jorge Luengo transporta ao espectador ao mundo onírico

A programación cultural de Burela inclúe o ballet 'El lago de los cisnes' o 22 de decembro

Esta actuación é a novidade destacada dun cartel no que volve estar presente a ópera con 'Nabucco' de Verdi
photo_camera Ballet 'El lago de los cisnes' (izquierda) y escena de la ópera 'Nabucco'

O concelleiro de cultura de Burela, José Díaz, e o alcalde, Alfredo Llano, presentaron este martes a programación cultural para o último trimestre do ano. A principal novidade do cartel é a presenza dun ballet clásico, que chegará á localidade o 22 de decembro como a actuación estelar do Nadal. Trátase d El lago de los cisnes da compañía Concerlírica. "É un ballet clásico dos coñecidos e creo que é un bo xeito de empezar a época de Nadal", asegurou Díaz, que subliñou que é un xénero novo para a localidade, polo que se mostrou convencido de que "haberá moita xente porque é un evento que moitos se cadra nunca tivemos a oportunidade de ver e telo aquí tan cerca ofrécenos esa posibilidade".

Outra das apostas da programación é a ópera Nabucco de Verdi, que poderá verse na casa da cultura o 19 de novembro. "Repetimos a ópera tras o éxito indubidable do ano pasado e ao mesmo tempo intentamos que sexa o acto máis importante e o único de pago do mes de novembro", explicou Díaz. As entradas para este espectáculo sairán á venda o luns con prezos que oscilarán entre os 12 e os 18 euros, mentres en despacho de billetes custarán entre 15 e 20 euros. Para esta representación as entradas da zona de platea estarán numeradas.

ACTIVIDADE. Máis aló destes grandes espectáculos, a programación burelense complétase con teatro, cine infantil, humor, un musical e a Festa da Castaña.

Así, en novembro Ibuprofeno Teatro chegará o día 3 coa obra O furancho. Ese mesmo fin de semana, o día 4 será o festival folclórico de Ledicia e o domingo haberá cine infantil. A seguinte fin de semana está previsto o espectáculo Desconexión de Xurxo Cortázar o venres e a Festa da Castaña o sábado, que este ano terá algunha novidade. Ademais o día 12 haberá o rastro popular e o 26 cine infantil.

O mes de decembro ademais do ballet ten outros dous pratos fortes: o día 9 Quique San Francisco actúa por primeira vez na comarca e dá inicio ao ciclo de humor A Mariña en clave de humor e o día 15 Categórica Producións presenta Jurásico, la isla perdida, un espectáculo que mestura teatro, música e humor e que utiliza grandes dinosauros articulados. "É un show que creo que vai gustar moito ao noso público máis novo", subliñou Díaz. Este mes complétase co festival folclórico de Arume o día 2, cine infantil os días 3 e 30, o rastro popular o día 10 e o festival de panxoliñas da coral o día 16.

Durante a presentación da programación, Díaz quixo agradecer a resposta da xente, tanto de Burela como doutras localidades limítrofes, aos espectáculos que se presentan no auditorio "porque a clave de todo isto son eles, xa que sen a resposta do público non sería posible organizar esta programación".

Comentarios