Problemas

AS MÁSCARAS abren a boca con fereza nos frisos dos claustros. Están afastadas, pero reparamos máis nelas ca nos santos, aínda gozando dunha situación sobresaínte nos altares. As biografías das caretas de granito suxiren máis riqueza e crueldade. Cando observamos un santo, mesmo un santo que padece -coma San Roque co can aliviador que lle lambe na ferida-, sabemos que superará os problemas, que verá recompensada a súa intención pura e o seu esforzo intenso. Pero as máscaras -coma a que contempla o patio da catedral lucense dende hai 300 anos- transmiten o desánimo dos que saben que nunca van lograr unha victoria. Cando era neno envexaba ao meu pai porque el era un adulto e tiña problemas. Identificaba ambas as cousas e facíame a idea de que os problemas eran probas a superar para lograr ser adulto. Pero non son probas porque non desaparecen coa madurez. Acompañan á persoa ata a morte, esa dificultade sen solución. Cando resolvemos un problema empuxando pesadamente a rocha esférica ata o alto da ladeira, miramos abaixo e descubrimos que hai moitos máis agardándonos. Os problemas non levan máscara. Sitúanse diante de nós coma un bloque sólido e negro. Non os enfrontamos ao primeiro. Camiñamos ao seu redor como se fose un ritual abondo para desintegralos.

Comentarios