Prince reinou na Coruña en 1990 e en Santiago tres anos despois

Ketama xa fixera en 1990 No estamos locos pero xamais actuaran nun estadio, así que cando lles propuxeron ser os teloneiros de Prince e cantar no Vicente Calderón (Madrid), no Luís Casanova (Valencia) e no Montjuic (Barcelona), a cambio de "ná", aceptaron encantados. Ese ano tamén tocou o xenio de Minesota na Coruña, unha cita histórica no colexio Santa María do Mar que foi retransmitida en directo pola TVG.

"A súa morte é unha perda enorme, porque era un artista moi grande. Encantábanos", asegurou este xoves en declaracións a Efe un dos membros de Ketama, Josemi Carmona, que recordou a súa experiencia á beira do norteamericano, falecido aos 57 anos na súa casa da localidade Chanhassen (Mineápolis).

Josemi Carmona tiña entón 16 anos e cando coñeceu a Prince pareceulle "un xenio, un tipo súpercreativo, orixinal e estrambótico" e todo o que lles propuñan parecíalle "ben", incluso actuar sen gañar absolutamente nada: "o rollo era tocar con el".

"Vímoslle uns días antes e díxonos que quería ver vídeos das nosas actuacións e que estivésemos acompañados de mulleres guapas no escenario, así que nos fomos ao Rastro e propuxémosllo a un puñao de xitanas e alí que nos fomos todos", ri.

Prince chegou aquela noite ao Vicente Calderón, primeira cita da que era tamén a súa primeira xira por España, "nun peazo de Jaguar cun chofer negro súpergrande".

Cantaron cincuenta minutos, sen que faltasen, "por suposto" No estamos locos e Vent pa' Madrid, e a experiencia foi "divina", rememora. Logo acompañáronlle, "xa sen xitanas", ri de novo, como teloneiros a Valencia e Barcelona, e aínda que seguiron sen pagarlles "ná", a promotora correu cos gastos da viaxe e o hotel.

No entanto, Carmona confesa que lles deron unhas entradas "e un curmán seu" revendeunas para gañar algo de diñeiro, ao que se sumou que logo "autores" –SGAE– si lles pagou "algo".

"Eran tempos raros. Recordo que fixo baleirar o Calderón enteiro porque durante os ensaios estabamos alí xogando un pouco cun balón. Era un pouco estrambótico", di. Prince, engade Carmona, era "un musicazo" que tocaba a guitarra "fantasticamente" e "usaba" a música doutro xeito: "era un tío moi baixiño cun tacón musical moi grande".

O músico norteamericano actuou por primeira vez en España en 1990, logo volveu en 1993 e naquela ocasión elixiu Cádiz -onde esixiu ter a man todos os discos de Camarón-, Santiago de Compostela, Xixón, Madrid e Barcelona.

Entón veu acompañado de dúas pantallas xigantes, un equipo de raios láser e 1.400 amperios de intensidade lumínica e sonora. As bancadas do Ramón de Carranza enchéronse, como sucedeu co Auditorio Monte do Gozo, o Hipódromo As Mestas, a praza de Touros das Ventas e o Palau Sant Jordi.

En 1998 regresou, xa convertido no Artista, para actuar en Marbella (Málaga) en agosto, e a finais de ano en Zaragoza, Barcelona e Madrid, presentando o que entón era o seu último disco, New-power soul.

En Zaragoza actuou na Sala Multiusos, en Barcelona no Palau Sant Jordi de Barcelona e en Madrid no Palacio de Deportes, onde tocou o piano, o teclado, a guitarra, con forma do seu símbolo, cantou, bailou e non deixou de facer comentarios, cunha actitude expansiva moi diferente á da súa primeira xira por España.

O cantante e compositor confirmara en novembro do ano pasado os seus catro primeiros concertos en Europa, en Austria e Reino Unido, aínda que non se anunciou ningunha actuación en España.

Comentarios