Primeiros pasos para ser literatos

Os ESCOLARES de Burela recibiron onte nas súas aulas ao alcalde burelense, Alfredo Llano, e á edil de mar, Remedios López, para entregarlles as bases do terceiro certame de relato curto sobre o mar no que poderán participar todos os alumnos de entre 10 e 16 anos. Os traballos deberán presentarse ata o 16 de abril na biblioteca municipal e teñen que relatar algunha historia relacionada co mar baixo o título ‘As vacacións'. Este ano os agasallos para os gañadores serán traxes de neopreno, aínda que todos os participantes levarán a casa un obsequio e entre todos sortearase unha Playstation 3. Así mesmo, os representantes municipais entregaron aos estudantes os traballos gañadores do ano pasado.

RUTA DE TAPAS EN FOZ. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) de Foz presentou onte a oitava ruta de tapas que se celebrará na localidade os próximos días 22 e 23 de abril, coincidindo coa Semana Santa. Serán máis dunha vintena os locais hostaleiros que servirán o mellor da súa cociña a tamaño reducido a 1 euro entre as 13.00 e as 15.00 horas e entre as 20.00 e as 23.00. Un xurado será o encargado de percorrer os locais para elixir as tres mellores propostas, en cuxa elección tamén poderán participar os clientes a través de mensaxes de móbil. Por outra banda, a Acia está hoxe de parabén porque se cumpren 23 anos da súa constitución, sendo así unha das máis antigas da comarca.

PLANTACIÓN DE ÁRBOLES NO GREGORIO SANZ. O colexio público Gregorio Sanz de Ribadeo celebrou unha plantación de árbores en colaboración coa delegación de medio ambiente para conmemorar o Día Forestal Mundial. Participaron os nenos de terceiro a sexto de primaria e plantaron camelias, alegrías, cerdeiras e castaños, ademais de aprender a facer sementeiros e enxertos. O concelleiro nacionalista de medio ambiente de Ribadeo, Horacio Cupeiro, explicou que o que máis lles chamou a atención foron os enxertos porque puideron ver como se conseguen diversas variedades de árbores froiteiras, ademais de estar moi atentos ás explicacións que se lles deron.

Comentarios