Primeiro paso cara á fusión

Os municipios de Cerdedo e Cotobade celebraron este xoves o pleno no que se aprobou o inicio do proceso de integración. Os veciños que non están de acordo coa medida mostraron a súa repulsa con diferentes carteis e proclamas

O Concello de Cerdedo e o de Cotobade celebraron este xoves senllos polémicos plenos nos que tiñan previsto aprobar o inicio do proceso de fusión.

O si dos seis edís do PP presentes no pleno de Cerdedo bastou para dar o visto e prace ao comezo da tramitación, mentres que os dous concelleiros do PSOE votaron en contra.

Ante un público crispado, na súa maioría veciños de Cotobade e contrarios a esta fusión, aínda que con algúns cerdedenses tamén a favor, o alcalde José Balseiros aludiu ao "problema grave" de despoboamento que sofren ambos os concellos, que lles levou a tomar "decisións valentes" para "axuntar esforzos, reducir o gasto público e, sobre todo, para garantir moitos máis ingresos", dixo.

Pola súa banda, o portavoz do PSOE cerdedense, Xoel Vázquez, agradeceu a asistencia dos veciños, "xa que ante un paso tan importante, considero que é capital que participen coa súa presenza, xa que non é posible coa súa opinión", sinalou. Acto seguido, anunciou o seu voto en contra, que argumentou cun moi crítico discurso. "Consideramos esta esta fusión unha estafa electoral"-dixo- por non levala o PP meses antes no seu programa electoral.

Xa pola tarde, no pleno de Cotobade viviuse unha situación similar, cun centenar de asistentes a un pleno que trascurrió entre berros e apupos de partidarios e contrarios á fusión. 


A formación de Jorge Cubela deu o si en solitario á súa proposta co voto en contra da oposición, o PSOE, cuxa portavoz, Lina Garrido, forzou a repetición do proceso de votación alegando un fallo de forma. 

O rexedor pediu o 'si' á tramitación para evitar "que no futuro veñan outros a decidir por nós" e defendeu que "esta non é a fusión, senon o inicio do proceso". 

Pola súa banda, Garrido defendeu que faltaba "rigor" na proposta e acusou a Cubela de actuar con "escurantismo" para votar en contra "desta fusión neste momento".



Comentarios