Primarias no PSDEG-PSOE: Tres candidatos aspiran a liderar o socialismo galego

Leiceaga, Caballero e Villoslada afianzan entre a militancia os seus proxectos para a Secretaría Xeral do PSdeG coa vista posta no 8 de outubro, data na que pretenden pechar o baleiro de liderado no partido tras a marcha de Gómez Besteiro. Só as acusacións de "parcialidade" á xestora feitas polos dous primeiros parecen enlamar algo o proceso
Xoaquín Fernández Leiceaga, Juan Manuel Díaz Villoslada y Gonzalo Caballero
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga, Juan Manuel Díaz Villoslada y Gonzalo Caballero

Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentario

Xoaquín Fernández LeiceagaComo marcha a precampaña?
Isto está a empezar aínda. Estamos ante un proceso longo e o obxectivo é chegar ao final nas mellores condicións. 

Que impresión lle deixou ata agora o contacto cos militantes? Séntese apoiado polas bases?
O apoio da militancia ímolo ver ao final. Quero dicir que, de momento, tiven algúns contactos iniciais e considero que se desenvolveron ben, pero do que se trata é de completar a rolda de contactos a finais do mes de setembro. 

Cal cre que é o seu principal rival nestas primarias?
Non o sei. En todo caso, eu ao que aspiro é a quedar por diante e a gañar as primarias.

"Teño a vontade de integrar o partido e que sexa forte e autónomo

Os tres parten de posicións semellantes. Que o diferencia a vostede do resto de precandidatos?
Creo que podo achegar unha experiencia recente á fronte do grupo parlamentario con capacidade de integración, liderado e coñecemento social. Gañei unhas primarias, son portavoz parlamentario, teño un certo coñecemento da poboación de Galicia e, sobre todo, a vontade de integrar o partido e facelo forte e autónomo. Eu quero ser un candidato sen etiquetas, sen tutelas... O meu proxecto chega para traballar coa militancia e non para gardarlle o sitio a ninguén, nin para estar á sombra de ninguén nin facer a política doutros. Vou facer a miña propia política se os militantes me dan a súa confianza. 

Cal é a clave para que o PSOE poida recuperar a Xunta?
Primeiro temos que organizarnos internamente. Ser capaces de xerar un partido forte, cun liderado colectivo —e non só dunha persoa— que elixa aos mellores representantes para a sociedade. En segundo lugar, temos que ser capaces de trasladar ideas innovadoras sobre a base dos nosos valores cidadáns e buscar acordos con outras forzas a partir destas ideas e destes valores para así integrar o apoio maioritario da poboación. Unha vez se consiga un partido socialista forte para afrontar un novo tempo en Galicia, a meta é recuperar a hexemonía da esquerda tendendo a man a outras forzas para, deste xeito, afrontar o último obxectivo, que é construír unha alternativa de goberno ao Partido Popular. Sen nós non será posible desaloxar ao PPdeG da Xunta, de aí a necesidade de que o PSdeG sexa hexemónico para que esa alternativa sexa posible para vos cidadáns. E sos non podemos, polo que o socialismo ten que aprender a dialogar con outros para atraelos ás nosas posicións e conseguir así representar a sociedade.


Juan Manuel Díaz Villoslada, parlamentario autonómico

Juan Manuel Díaz VillosladaComo marcha a precampaña?
Estamos nunha fase inicial, sobre todo de escoitar aos militantes das diferentes agrupacións e comarcas de Galicia, pero eu creo que está a ser bastante intensa. As sensacións son boas porque os compañeiros teñen ganas de escoitar propostas pero sobre todo de comentar o que eles pensan e o que senten. Esta é unha etapa na que é máis importante escoitar que levar o programa dun.

Que impresión lle deixou o contacto cos militantes?
Percorrín por agora as agrupacións que puiden, pero si que sinto bastante apoio en xeral. Pero nesta fase máis preliminar todos queren escoitar as propostas dos que nos presentamos e, a partir de aí, formar a súa composición de lugar e a súa opinión. Non creo que sexa un momento no que teñan que ser moi proclives a manifestar opinións, pero si que me sentín a gusto en todas as comarcas nas que estiven. Si que percibo apoio, pero sobre todo ganas de expresarnos aos precandidatos inquedanzas que hai no partido para iniciar unha nova etapa en Galicia.

"O PSdeG necesita unha moito maior apertura á sociedade"

Cal cre que é o seu principal rival nestas primarias?
Hai dous rivais no mellor sentido da palabra. Cada un ten as súas fortalezas e as súas debilidades, aínda que de momento todos saí- mos desde a mesma posición nesta fase preliminar. 


Que o diferencia a vostede do resto de precandidatos?
Evidentemente, temos máis puntos de coincidencia que de diferenza porque partimos dun mesmo partido e proxecto político. A diferenza que vexo esencialmente no meu caso é a capacidade de sumar, porque ao non ter eu un pasado orgánico polo que tivese que afrontar debates e loitas internas, os militantes poden ver na miña opción unha candidatura nova, sen lastres ou sen elementos de restas procedentes do pasado. 

Cal é a clave para que o PSdeG poida recuperar a Xunta?
A clave está en ser capaces de saír unidos baixo o liderado de quen obteña a secretaría do partido e, a partir dese momento, sabendo que se abre unha nova etapa, conseguir a máxima integración, unha moito maior apertura á sociedade, á xente nova, á integración da muller en todos os ámbitos e tamén no aparato do partido. E, por suposto, a coherencia para gañar en credibilidade e confianza ante a cidadanía, que ao final é o que nos move, xa que o partido non ha de ser un fin en si mesmo, senón un instrumento de mellora e de cambio social.


Gonzalo Caballero Míguez, ex concelleiro e militante

Gonzalo Caballero MíguezComo marcha a precampaña?
Estou moi satisfeito coa evolución desta campaña. A militancia do PSdeG quere un cambio no partido e non quere que o aparato e os baróns deseñen operacións non protagonizadas polos militantes. 

Que impresión lle deixou o contacto cos militantes?
Eu levo militando no partido socialista máis de 22 anos, son un home de partido e un militante de base. E creo que este proceso congresual en Galicia ten que estar protagonizado pola militancia de base. Estou a recibir moi boas sensacións e moito apoio. As sedes están cheas nos encontros aos que asisto e vexo moita ilusión e vontade de cambio. 

Cal cre que é o seu principal rival nestas primarias?
As valoracións dos candidatos dé- benas facer os militantes. A min o que me corresponde é facer un chamamento a unha mobilización masiva das bases para conseguir un novo PSdeG que permita convencer a unha maioría social en Galicia para retirar ao PP da Xunta. O aparato e os baróns poden ter unha predilección por unha determinada candidatura que deseñaron e crearon, pero este proceso protagonízano os militantes. E creo que as bases non van deixarse levar con operacións de deseño que tenten aparentar que se vai a facer un cambio pero que no fondo implican que todo vai seguir igual. Pola contra, a miña posición é apostar por unha renovación profunda do proxecto e os referentes do socialismo galego.

"O debate na Cámara non é suficiente para arrinconar a Feijóo"

Que o diferencia a vostede do resto de precandidatos?
Son un militante comprometido con este partido desde hai máis de dúas décadas e teño unha traxectoria propia dentro da organización. O meu compromiso co PSOE e o impulso que quero dar á renovación do partido é evidente e contrastable. Polo tanto creo que teño que seguir na liña de tentar unha renovación do partido de abaixo a arriba. 

Cal é a clave para que o PSdeG poida recuperar a Xunta?
Os nosos deputados traballan moito no Parlamento, pero o debate parlamentario non é suficiente para arrinconar a Feijóo e para convencer a unha maioría social que favoreza o cambio. Por iso é fundamental fortalecer o PSOE como organización que poida impulsar o cambio na política galega. Nesta fase, o reto principal é renovar o PSdeG para ter un partido con músculo político suficiente para saír á rúa e convencer á cidadanía de que os socialistas somos a opción alternativa para retirar á dereita do Goberno. Neste sentido, o meu compromiso con ese fortalecemento do partido é unha clave importante.

Comentarios