Preparados, listos, xa

A capital chairega albergará este domingo, día 24, a fase preparatoria para a proba comarcal de 2016. A organización espera a participación de ao redor de 200 corredores
Una prueba de la fase comarcal celebrada el pasado año en Vilalba
photo_camera Una prueba de la fase comarcal celebrada el pasado año en Vilalba

Todo está preparado, listo e xa para a celebración da fase preparatoria para o comarcal de campo a través 2016, que un ano máis se disputa na capital chairega. A contorna da Magdalena será o epicentro dunha proba na que a organización espera a participación de ao redor de 200 corredores, ávidos por superar unha competición que máis adiante lles permitirá optar a unha praza para o Campionato provincial desta modalidade deportiva.

Nesta ocasión, as probas das distintas categorías -haberá representantes de diferentes puntos da comarca de benxamín, alevín, infantil e cadete- arrincarán sobre as 11.00 horas e prolongaranse previsiblemente ata as 13.30 horas. A saída e a meta das distintas carreiras que se desenvolvan ao longo desta intensa mañá de atletismo instalarase no estadio da Magdalena onde xoga o Rácing Vilalbés, e o resto do circuíto desenvolverase polo campo exterior destas impresionantes instalacións chairegas.

Vilalba contará cunha ampla presenza de nenos e nenas das escolas deportivas do medio rural, así como da Agrupación Polideportiva San Ramón e do colexio de educación infantil e primaria Insua Bermúdez. Esta competición está organizada en estreita colaboración entre o Concello de Vilalba, a Agrupación Deportiva Terra Chá e o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia.

Os equipos interesados en participar nesta proba aínda están a tempo para apuntarse. O prazo de inscrición permanece aberto e o formulario pódese cumprimentar a través da aplicación interna da Xunta e do programa 'Xogade'.

MÁS CARREIRAS. Esta fase preparatoria do comarcal servirá para abrir boca. O calendario de probas continuará ao longo dos próximos meses. Así, a segunda parada celebrarase o próximo día 31, coa disputa da fase clasificatoria comarcal. Os mellores atletas individuais e os mellores equipos de cada categoría irán ao Provincial, que será o 14 de febreiro, tamén en Vilalba.

Comentarios