Preguntar para aprender

Alumnos de 3º da Eso e de Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Castro da Uz deseñan un trivial online gratuíto e en galego
Alumnos do IES Castro da Uz que participaron na creación do trivial
photo_camera Alumnos do IES Castro da Uz que participaron na creación do trivial

Comenzou, como eles mesmos din, como «un pique entre rapaces e rapazas». «Todos queriamos saber de todo». E nesa guerra de sexos por ser os máis listos gañaron todos.

«Estabamos preguntando todo o rato e as titoras, María José e Chelo, ocorréuselles facer un xogo», explican os rapaces de 3º da Eso do Castro da Uz das Pontes, un instituto que pode presumir agora de ter un trivial propio, un xogo gratuíto e en galego que esperan lanzar pronto á Play Store para chegar a máis xente. Polo momento, xa se pode descargar no móbil ou xogar dende a propia web do centro: www.castrodauz.gal/argalleirando.

«Fixemos varios grupos e cada un encargábase dun bloque -deportes, xeografía e historia, cine e televisión, lingua e literatura, música e natureza- e fixo50 preguntas», explican os estudantes, que recoñecen que aprenderon a formular preguntas sen ambigüidades, todo un reto que non sabían nin que existía, e a descartar as imposibles -aínda que non é doado sacar unha boa puntuación-. Tamén a concretar, poñendo sempre a data para non dar lugar a dúbidas nin pechar o xogo a un tempo concreto.

Argalleirando componse de seis bloques: deportes, xeografía e historia, cine e televisión, música, lingua e literatura e natureza

Despois, nunha segunda tanda, cada grupo cambiou de bloque para perfilar as preguntas, mentres os alumnos de 2º de Sistemas Microinformáticos e Redes, capitaneados por Fernando, empezaron o deseño e a programación do xogo.

«Querían moitas cousas, iconos, saber cal era a resposta correcta... pero o profesor sempre dicía ‘estamos en Ikea, non nun ebanista’, para explicarnos que hai que amoldarse ao que dá de si o software gratuíto», explica unha das promotoras, Lucía Guizán, que tamén se encargou do deseño da páxina web actual do centro. «Houbo que traducir todo, porque estaba en inglés, e tratar de facer todo o que querían dentro do posible», indica.

«Din de poñerlle publicidade e sacarlle algo de rendibilidade», chancean algúns, mentres as profesoras destacan a parte positiva da experiencia.

«Foi unha forma moi amena de repasar coñecementos e de usar a lingua con exactitude. O galego non está moi presente na rede e se temos sorte poderiamos ir mellorando o xogo e aumentando preguntas», destacan, mentres indican que o obxectivo é acabar involucrando todo o centro -xa participaron mestres como Santi (bioloxía), Marina (física e química), Elena (educación física) ou Flora (inglés) e Montse (do equipo de dinamización de lingua galega)- e que tódolos alumnos continúen o traballo.

Comentarios