Preferentistas de Lugo reúnense con Barreiro para pedirlle que reclame a reapertura da arbitraxe

Un grupo de portavoces da plataforma que agrupa aos afectados polas participacións preferentes e as obrigacións subordinadas en Lugo reúnese esta tarde co presidente do PP de Lugo e portavoz popular no Senado, José Manuel Barreiro, para pedirlle que o seu partido se implique na reapertura da vía da arbitraxe.

Nesa reunión, segundo confirmou a plataforma nun comunicado, estará presente unha delegación do colectivo de afectados integrada por Xavier Novo, Digna Lagarón, Filipe Rivas e María José Rodríguez, e celebrarase na sede provincial do PP, na Praza de Ramón Cabanillas de Lugo.

Segundo a plataforma, os portavoces do colectivo acoden a ese encontro co ánimo de ''reclamarlle" a Barreiro "unha actuación firme e positiva do PP para reabrir a vía da arbitraxe e anular os artigos de Lei 9/2012" que define aos afectados "como investidores" e a cuxo "amparo se aplicaron as quitas e o troco por accións".

Logo desa reunión, os preferentistas volverán manifestarse polas rúas de Lugo. Sairán de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e terminarán diante da sede central de Novagalicia Banco na cidade, na Praza Maior.

Comentarios