PP e PSOE polemizan por un seguro para políticos que subscribiu o Concello de Lugo

A concelleira do PP en Lugo Raquel Castiñeira criticou este venres o "escurantismo" do goberno local respecto dunha póliza de responsabilidade civil para políticos contratada con fondos públicos a maiores da de responsabilidade civil do Concello, obrigatoria por lei. O goberno local recoñeceu a existencia da póliza, pero negou o escurantismo e afirmou que xa non está en vigor.

A "opacidade" dos socialistas en relacióin a esta póliza constátase, segundo a edil da oposición, coa negativa do goberno local a ofrecer acceso e copia deste documento aos edís do PP. Os populares reclamaron información en dúas ocasións, pero "a oposición explícita do alcalde" foi o que motivou que o grupo maioritario da corporación non poida coñecer, aínda a día de hoxe, que aspectos cubría exactamente esta póliza.

A póliza foi aprobada nunha xunta de compras, a do 18 de maio de 2012, fóra da orde do día. Estaba destinada a cubrir o período do 21 de maio de 2012 ao 20 de maio de 2013. Ascende a 17.886,28 euros, segundo a información facilitada pola edil do PP.

O goberno local aclarou, a través do seu gabinete de prensa, que a contratación desa póliza debeuse a que, nese momento, o servizo de asesoría xurídica vira reducido o seu persoal. Insiste en que só estivo en vigor un ano e que "non foi prorrogada a partir do momento en que se considerou innecesario este servizo".

O goberno local contraataca dicindo que a concelleira do PP, "en contra do que asegura, tivo acceso a toda a información que solicitara".

Comentarios