PP e BNG temen que Orozco pretenda modificar os impostos de costas ao pleno

Os dous grupos da oposición no Concello de Lugo, PP e BNG, pediron este mércores que a modificación das ordenanzas fiscais do municipio sexa abordada nun pleno municipal, tendo en conta que temen que o goberno local, dirixido en minoría polo socialista José López Orozco, intente subtraelas ao debate de toda a corporación.

Tanto o popular Juan Carlos Plaza como a nacionalista Paz Abraira mostráronse este mércores inquedos porque a modificación desas ordenanzas que regulan os impostos e taxas non figura na orde do día da comisión de contas, que se reúne este xoves. É preceptivo o ditame da comisión para que o tema vaia a pleno.

Por iso, PP e BNG, que suman a maioría na corporación, avisaron de que os asuntos económicos do Concello, que "afectan a todos os veciños", deben ser tratados "de forma pública e transparente".

Mentres Abraira agarda que o goberno local "traslade algún tipo de información" na comisión que se celebra este xoves, Plaza case deu por feito que o equipo de López Orozco "vai impor por primeira vez as ordenanzas fiscais sen trasladalas previamente ao pleno".

O concelleiro do PP acusou o goberno socialista de covardía "política" e "falta de transparencia" e remachou: "Cun goberno en minoría, o alcalde está a comportarse cunha prepotencia e ocultismo que nin sequera tivo durante a súa maioría absoluta".

A portavoz do grupo municipal do BNG considerou "importante que os lucenses coñezan cal é a política económica deste PSOE, que se vende ao mellor ofertante no canto de tratar de solucionar os problemas dos cidadáns".

Comentarios