Portugal segue viva no 'grupo da morte' (2-3)

Portugal gañou "in extremis" a Dinamarca (3-2), logo de deixarse remontar un 2-0, cun tanto no 87 do extremo do O Porto Silvestre Varela que lle permite seguir con opcións de pasar aos cuartos de final da Eurocopa.
 
Os lusos, que suman tres puntos no grupo B, adiantáronse con tantos de Pepe, no 24, e Hélder Postiga, no 36, pero Niklas Bendtner chegou a igualar o encontro (min.41 e min.80).
 
A estrela portuguesa, Cristiano Ronaldo, volveu quedar en branco e errou dúas ocasións claras.
 
A Portugal pódenselle achacar moitas cuestións, pero non a falta de organización táctica. O seleccionador luso, Paulo Bento, deseñou un equipo fibroso, duro defendendo e rápido nos ataques. Pepe, o central do Real Madrid, manda na zaga coa autoridade dun veterano. O luso-brasileiro, sempre ben colocado, fai alarde do seu privilexiado físico para anticiparse e cortar o perigo rival. Joao Moutinho, do O Porto, e Raúl Meireles, do Chelsea, sacrifícanse en tarefas defensivas, pero tamén saben lanzar rápidos contragolpes para asistir os seus dous temibles extremos, Nani, do Manchester United, e Ronaldo.
 
Así ocorreu en varias fases do encontro ante Dinamarca. Coma na derrota lusa ante Alemaña, o astro do Real Madrid tardou en conectarse. Impaciente, xesticulou no primeiro tramo do partido. Ou lle daban balóns moi longos ou llos pasaban tarde. "Calma, calma", expresaba co seu movemento de brazos cando lle lanzaban un pelotazo.
 
Dinamarca, que vén de derrotar á subcampioa do mundo, Holanda, levou o peso do encontro ata que os portugueses decidiron presionar á defensa da "Dinamita Vermella".
 
Por casualidade ou non, a lesión do medio centro danés Niki Zimling, no 14, abriu a páxina de oportunidades portuguesas. Un disparo de Meireles rebotou na defensa e Ronaldo, no bordo da área, rematou moi desviado. Despois, dúas faltas perigosas, unha provocada polo astro portugués do Real Madrid, volveron inquietar a Dinamarca.
 
O gol luso presentíase. Nun córner lanzado por Moutinho, Pepe entrou no primeiro pau, adiantouse á defensa e anotou de cabeza.
 
A maldición portuguesa ante a portería acabouse -un tanto nos últimos catro partidos-. Máis relaxada, a selección de Bento decidiu explorar un flanco ata ese momento esquecido, o dereito, de Nani. O extremo do United mostrou un repertorio de controis e pases soberbio. Un deles rematouno con violencia ás redes o zaragocista Hélder Postiga, o dianteiro "mal amado" dos lusos.
 
Os daneses reaccionaron enseguida. Ao seu primeiro disparo a porta, no 38, seguiulle o tanto que lles abría unha porta. Un centro da dereita cabeceouno no segundo Krohn-Dehli para asistir a Niklas Bendtner. O xigantón do Arsenal cabeceou ás redes de Rui Patricio en escorzo e xa é a quinta diana que lle marca a Portugal nos últimos anos.
 
Dinamarca subiu liñas no segundo tempo, polo que brindou aos seus rivais máis espazos. Outro contraataque deixou a Ronaldo só fronte a Andersen, pero definiu sen medida, ao corpo do porteiro.
 
Nani entrou de novo en xogo para exhibirse no ataque dereito. O seu desborde acabou nun centro-chute que atrapou Andersen.
 
Outro contratempo físico dos daneses -Rommedahl retirouse aparentemente con dores musculares- antecedeu a unha ocasión do medio centro do Sttutgart Kvist. Rematou forte e lixeiramente desviado.
 
Dinamarca esmagou, pero chocou co infranqueable Pepe, que rebañou calquera indicio de perigo. Como ante Alemaña, Bento puxo ao novo talento luso Nélson Oliveira por Postiga. O punta do Benfica, que apunta alto, moveuse por ambas as ás e deu mobilidade á vangarda portuguesa.
 
Os daneses contestaron por Bendtner. Controlou con clase un balón entre os centrais e executou un disparo raso desviado.
 
A berros de "Messi, Messi", a afección danesa buscou desconcentrar a Ronaldo, que se meteu en varias emboscadas solitarias sen sorte. No 77, malgastou outra franca oportunidade. Nani asistiulle na cara do gol, pero disparou desviado.
 
O verdugo portugués por excelencia, Bendtner, empatou con outro croque e deixou aos lusos nun feixe de nervios. Ronaldo roldou o gol en varias ocasións ata que un centro de Fábio Coentrao, un dos mellores de Portugal, rematouno Varela, na súa segunda tentativa, a gol.
 
- Ficha técnica:
 
2 - Dinamarca: Andersen; Jacobsen, Kjær, Agger, Simon Poulsen; Zimling (Jacob Poulsen, min. 16), Kvist; Rommedahl (Mikkelsen, min.60), Eriksen, Krohn-Dehli (Schone, min.90); e Bendtner.
 
3 - Portugal: Rui Patrício; Joao Pereira, Pepe, Bruno Alves e Fábio Coentrao; Miguel Veloso, Raúl Meireles (Silvestre Varela, min.84) e Joao Moutinho; Nani (Rolando, min.89), Hélder Postiga (Nélson Oliveira, min.63) e Cristiano Ronaldo.
 
Goles: 0-1: Pepe, m.24; 0-2: Postiga, min. 36; 1-2: Bendtner, min.41; 2-2: Bendtner, min.80. 3-2: Varela, min.87
 
Arbitro: Craig Thompson (ESC). Amoestou a Raúl Meireles, Jacobsen, J. Poulsen.
 
Incidencias: Segundo partido de Dinamarca e Portugal do grupo B da Eurocopa disputado na Area de Lviv, ao oeste de Ucraína, ante uns 30.000 espectadores (cheo).

Comentarios