As Pontes homenaxeará o sábado a Ignacio Echeverría

O acto pola vítima do atentado de Londres celebrarase a partir das 12:00 horas na céntrica praza do Carmen

O Concello das Pontes anunciou este mércores que celebrará o vindeiro sábado un acto público de "repulsa ao terrorismo" en memoria de Ignacio Echeverría, falecido o pasado sábado no atentado de Londres.

As autoridades do municipio no que residiu Echevarria convocaron á poboación residente a render un "recordo ao que foi o noso veciño", despois de que a súa familia confirmase que figura na lista de vítimas mortais do atentado terrorista do pasado fin de semana na capital británica.

O acto de homenaxe celebrarase a partir das 12:00 horas na céntrica praza do Carmen, indica o municipio, que invita a "pór de manifesto a condena e repulsa dos actos vandálicos relacionados co terrorismo".

A vítima, de 39 anos de idade, cursou estudos na vila durante a etapa en que o seu pai traballou na central térmica de Endesa.

Echeverría, que traballaba nunha entidade bancaria no Reino Unido, estaba desaparecido desde que tres terroristas atropelaron aos viandantes da ponte de Londres cunha furgoneta alugada e acoitelaron despois a numerosas persoas nunha zona de bares e restaurantes na beira sur do río Támesis.

Segundo a súa familia, Echverría lanzouse contra un dos tres terroristas, que se abalanzou sobre unha muller, para tratar de axudala.

Comentarios