Ponte Caldelas estima que só dous veciños afectados polos lumes recibirán as axudas da Xunta

O goberno local sinala que a convocatoria do Executivo galego "está deseñada fundamentalmente para as empresas" e non para as persoas "máis humildes"

O Concello de Ponte Caldelas estimou que as axudas anunciadas pola Xunta de Galicia para apoiar aos damnificados polos incendios forestais do 15 de outubro só chegarán a dous dos case 90 veciños afectados. Nun comunicado, o Goberno local explica que, tras estudar ao detalle a convocatoria do Executivo galego, chegou á conclusión de que "está deseñada fundamentalmente para as empresas", que contan co asesoramento necesario. Con todo, considera que haberá serias dificultades para que os cidadáns da pié non queden abandonados".

O consistorio destacou que recibiu unhas 90 reclamacións preliminares dos afectados, peticións que van desde a perda da casa ata danos parciais de todo tipo, tanto na vivenda como en instalacións auxiliares. "A Xunta esquécese de que as persoas máis damnificadas son, en moitos casos, as máis humildes", asegura o Concello, que informa de que "hai casos de familias que son incapaces de enfrontarse á cantidade de papeis que lles vai pedir" o Executivo autonómico.

Por todo iso, o alcalde, Andrés Díaz, considera que son "subvencións deseñadas desde a burocracia dunha Administración que se sitúa por encima da xente e non desde a sensibilidade social que baixa os pés á terra".

CONDICIÓNS. Entre outras cuestións, o consistorio asegurou que os propietarios das casas queimadas deberán acreditar a legalidade urbanística do inmoble. "Gran parte das vivendas afectadas foron construídas no seu día en chan rústico ou non están regularizadas", explicou respecto diso. Ademais, sinala que a Xunta esixirá aos afectados que adiante o diñeiro da reconstrución e que non cubrirá o Iva e lamenta que a Xunta non cubra os danos accesorios.

Comentarios