A Policía detecta en Viveiro un aumento das estafas por internet

O delincuente usa o número de tarxeta da vítima para comprar en webs foráneas. Denunciáronse 23 casos este ano

A Policía Nacional de Viveiro detectou un incremento nas denuncias de estafas por internet no que vai de ano, con 23 casos rexistrados. O tipo de fraude é o mesmo e consiste na utilización dos datos da tarxeta bancaria da vítima por parte dun pirata informático para realizar compras por importes non moi elevados en páxinas web foráneas, xeralmente de Estados Unidos ou Reino Unido.

Desde a comisaría vivariense advirten ás persoas que normalmente fan compras por internet sobre o incremento destas estafas e animan a utilizar métodos de pago máis seguros, como Paypal. Segundo explican, polo xeral os delincuentes informáticos conseguen a forma de copiar os números de tarxetas que utilizan as persoas para facer compras por internet e que están asociadas a un número de conta. A vítima pode non decatarse da estafa xa que a tarxeta continúa no seu poder, din desde a Policía.

Os sistemas dalgúns bancos detectan este tipo de operacións fraudulentas, bloquean por seguridade as tarxetas e avisan aos usuarios, aínda que cando xa se realizaron algúns cargos. Os seguros das entidades bancarias cobren a cantidade subtraída á vítima, que para recuperar o diñeiro debe acudir á Policía e levar a denuncia ao banco.

Nestes casos a Policía pouco máis pode facer que tramitar a denuncia para que o usuario recupere o seu diñeiro, xa que para investigar o rastro dos hackers "terían que porse de acordo as autoridades xudiciais dos dous países, e ao ser cantidades moi pequenas, non o autorizan".

En todo caso, e aínda que se poida recuperar o diñeiro, a Policía insiste en que os usuarios se informen sobre os métodos máis seguros para facer as súas compras por internet ante o incremento de casos rexistrados tanto na comisaría de Viveiro como en Lugo nos últimos meses.

Comentarios