Podemos non participará nas eleccións de En Marea ata que haxa "legalidade"

Anova e Esquerda Unida tamén puxeron en dúbida a súa continuidade dentro do partido instrumental

Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)
photo_camera Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)

O consello de coordinación de Podemos Galicia esixe "restaurar inmediatamente a legalidade de En Marea e o seu proceso electoral" xa que senón non existen "garantías de limpeza, transparencia e equidade non hai elementos para ningún proceso electoral interno.

Para recuperar esta legalidade que demandan, ven necesario "restablecer no seu cargo aos tres membros do comité electoral ilicitamente expulsados".

Así mesmo, entenden que debe entregarse a información requirida pola candidatura Entre todas, que "vendo vulnerados todos os seus dereitos" requiriu este mércores a Luís Villares para que se entregue de forma inmediata toda a documentación na que se adoptaron "decisións irregulares para actuar en consecuencia".

Ata que se dean todas estas condicións non se conta coa "certeza plena de que eses procedementos van celebrarse con todas as garantías de limpeza, transparencia e equidade", insisten.

Ademais, na súa comunicación tras a reunión deste mércores, denuncian a intención de Luís Villares e da coordinadora "de converter En Marea nun partido á súa medida e enfrontado a todas as forzas políticas da unidade popular".

Ao seu xuízo, desde a paralización das eleccións "a actual dirección de En Marea está a actuar pola vía de facto contra o procedemento democrático do que En Marea se dotou no último plenario, sen que haxa constancia pública dos órganos e as decisións que adoptan".

Esta comunicación súmase á emitida na tarde deste mércores por Anova e Esquerda Unida que tamén puxeron en dúbida a súa continuidade dentro do partido instrumental ata que se restaure a normalidade, determinación tomada o mesmo día que se levantou o reparo sobre a suspensión das eleccións internas.

Así, Esquerda Unida avanzou que na situación actual non participará dos procesos abertos dentro de En Marea, despois de que se apartou a tres dos seus militantes do comité electoral por supostos accesos irregulares ao censo. Nun comunicado, trasladaron o seu apoio ás persoas "calumniadas" e anuncian que adoptarán "as medidas legais que correspondan para defender a honra e os dereitos de todos os inscritos de En Marea que actualmente están a ser vulnerados pola actuación irresponsable e arbitraria dunha dirección en funcións".

Pola súa banda, a comisión permanente de Anova denunciou "a situación extrema" que vive En Marea "desde que a súa actual coordinadora en funcións decidise unilateralmente paralizar as primarias internas", polo que lle esixen que deixe de interferir nas mesmas, xa que é "parte do proceso".

Desde Anova, que este xoves reunirá á súa coordinadora nacional para tomar unha decisión neste sentido, reclaman que se liquiden os defectos para que se poida votar con limpeza e respectando a vontade dos inscritos expresada no Plenario de 27 de outubro.

A formación nacionalista mantén que os acordos tomados na reunión plenaria "foron violentados" en aspectos como a desautorización do comité electoral elixido, polo que pide que se finalice o seu suplantación polos organismos en funcións de En Marea". 

Comentarios