sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

A piscina de Xove pechará en agosto para reformar bancadas e cuberta

O Concello dispón dunha axuda da Xunta de 40.000 euros e custeará con 30.000 outras melloras no recinto

A piscina de Xove pechará en agosto, desde o sábado 30 de xullo, para acometer unha serie de obras de reforma. O Concello prevé a reapertura o próximo 1 de setembro. Trátase da substitución das bancadas, o cambio da varanda de acceso a estas e a reposición de parte da cuberta da instalación.

O alcalde, Demetrio Salgueiro, explica que os traballos consistirán na retirada de toda a madeira que agora serve de bancada e está moi deteriorada pola humidade e pingueiras puntuais. "Presenta danos e decidimos cambiala, só queda a estrutura que a soporta", indica. Para iso solicitaron unha subvención á Consellería de Presidencia para a mellora de infraestruturas de uso público, que concedeu preto de 40.000 euros, que o Concello completa ata sumar 50.000.

O Concello aproveitará ademais para mellorar a seguridade no acceso ás bancadas, onde agora hai unha varanda sinxela con barrotes, entre os que intentaron coarse os nenos nalgunha ocasión, provocando varios sustos. Agora porán soportes de aceiro inoxidable e biombo de cristal, o que tamén mellorará a estética, indica o rexedor. A actuación incluirá, o forrado de columnas e o arranxo das escaleiras.

Ademais reporán parte da cuberta con chapas de metacrilato de maior grosor, na zona norte, onde as actuais están máis danadas, incluso con algunha perforación provocada por unha granizada forte. O Concello destinará 30.000 euros de fondos propios e aproveitará o cambio de auga para acometer os traballos.

A piscina de Xove pechará en agosto para reformar bancadas e cuberta
comentarios