Piden un estudo da viabilidade da fusión entre Alfoz e O Valadouro

O grupo municipal Veciños Independentes de Alfoz solicitará ao pleno que reclame á Xunta e á Deputación a elaboración do informe
Xabier Pardiñas
photo_camera Xabier Pardiñas

O portavoz do grupo municipal de Veciños Independentes de Alfoz (Via), Xabier Pardiñas, levará ao pleno do venres unha moción co fin de "reclamar" á Consellería de Presidencia da Xunta e á Deputación a realización dun estudo técnico e económico que analice as vantaxes e consecuencias que traería unha posible fusión dos concellos de Alfoz e O Valadouro. Pardiñas recorda que xa o 24 de febreiro de 2012 o pleno acordou por unanimidade solicitar o estudo. Ademais proponse comunicar á Fegamp este acordo, por se considera oportuno participar no proxecto.

Via, mediante a súa moción, solicita que nos informes que se realicen deben terse en conta non só a situación actual de ambos os municipios, senón tamén as consecuencias a longo e medio prazo, tanto as relacionadas co financiamento local como desde o punto de vista social.

Os independentes de Alfoz móstranse "totalmente contrarios" ás fusións de Concellos de forma "unilateral" por parte das corporacións municipais, "sen contar coa vontade da veciñanza como no caso de Oza dos Ríos e Cesuras ou Cerdedo e Cotobade", reclamando que os veciños poidan dispor de toda a información.

CORREOS. Ademais Pardiñas proporá reclamar a Correos e ás distintas administracións que garantan a prestación eficaz do servizo postal no concello. Esta reclamación inclúe que Correos non consinta a desaparición da oficina postal de Ferreira do Valadouro, que levaría tamén á perda da delegación de Alfoz.

Neste sentido, Via critican unha continuada deterioración do servizo postal como o fin do acordo con Deutsche Bank que obriga a desprazarse a Lugo para realizar operacións, ou a redución do horario de oficina de Ferreira. Tamén apuntan aos inconvenientes causados polos continuos cambios de persoal ou o feito de que os propios carteiros teñan que cubrir as baixas e vacacións, o que produce atrasos.

Comentarios