Piden sete anos de prisión para o acusado de roubar no Banco Pastor de Parga

O home, con múltiples condenas previas, ameazou á empregada cun coitelo, atoulle os brazos e as pernas e substraeu 4.710 euros
La Policía llega a la entidad
photo_camera La Policía llega a la entidad

A Fiscalía solicita unha pena de sete anos de cárcere para J.D.L.M., acusado dun delito de roubo con violencia e intimidación, así como doutro leve de lesións, por presuntamente roubar na oficina do Banco Pastor de Parga o pasado 22 de marzo de 2016.

O home, de 53 anos de idade e veciño de Malpica de Bergantiños, supostamente tocou o timbre da entidade ás 13.15 horas e, cando a axente financeira da entidade lle abriu a porta, este accedeu ao interior e ameazouna cun coitelo duns 30 centímetros -localizado pola Garda Civil no momento da detención-, á vez que lle preguntou se estaba soa e onde gardaba o diñeiro.

Unha vez que ela lle contestou afirmativamente e sinaloulle o caixón do diñeiro, o acusado ordenoulle tombarse boca abaixo no chan e fíxose cun botín de 4.710 euros. Para facilitar a súa fuxida, o asaltante díxolle á empregada que puxese os brazos cara atrás e atoulle estes e as pernas cunhas cordas. A continuación preguntoulle se a porta estaba aberta e abandonou a entidade, dándose á fuga nun vehículo Peugeot. A propia afectada desatouse e deu a voz de alarma sobre o ocorrido, informando á Garda Civil dos detalles do asalto, que o atracador efectuou de cara.

O acusado, que suma unha decena de condenas previas desde 1994 por diversos roubos en Lugo, A Coruña, Pontevedra ou Oviedo que en total suman máis de 40 anos de cárcere, enfróntase agora a unha posible pena de sete anos polo delito de roubo con violencia e intimidación, ao que se sumaría unha multa de seis euros diarios durante tres meses polo delito leve de lesións.

Ademais solicítase que J.D.L.M, que xa se atopa privado de liberdade por esta causa desde a súa detención o pasado 25 de abril de 2016, non poida achegarse á axente asaltada a menos de 300 metros, así como comunicarse con ela a través de calquera medio durante oito anos. A falta do que decida o xuíz, xa conta cunha disposición similar desde setembro, cunha orde de afastamento de 100 metros.

En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía solicita ademais que o presunto autor do roubo indemnice ao Banco Pastor, que tamén se persoou no proceso como acusación particular, co equivalente á cantidade substraída, 4.710 euros.

O xuízo por estes feitos fixouse para o vindeiro mércores 31 deste mes na Audiencia Provincial de Lugo.

Comentarios