Así actuaba o violento violador en serie que actuaba no Morrazo

O home, de 40 anos, ingresou en prisión este mércores ►Foron intervidos do seu domicilio varios obxectos empregados durante as agresións como un coitelo, unha pistola simulada ou cinta illante

O xulgado de instrución número 2 de Marín decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de J.L.G.M.,  de 40 anos de idade, acusado de violar a tres mulleres durante o último ano na comarca do Morrazo.

Ademais de tomar declaración ao sospeitoso —que chegou ao xulgado esposado e coa cabeza cuberta cunha capucha— a xuíza tomou declaración tamén a dúas das vítimas e leváronse a cabo outras dilixencias de investigación acordadas pola xuíza ao considerar que eran necesarias para poder tomar unha decisión sobre a situación persoal do detido.

A nai e o irmán do presunto violador esperaron a súa saída nas inmediacións da sede xudicial e defenderon a súa inocencia.

As vítimas son tres mulleres de 36, 42 e 75 anos de idade que foron sometidas a "aberrantes prácticas" e vexacións que lles produciron graves danos físicos e psicolóxicos que requiriron asistencia médica polas feridas, rachos e os golpes que lles propinou, detallan as fontes. Nun dos casos chegou a arroxarlle auga quente sobre as pernas a unha das vítimas.

A primeira das agresións coas que se relaciona a J.L.G.M. produciuse na localidade de Bueu en xullo de 2016, cando o detido supostamente entrou á forza no domicilio da vítima mentres durmía.

A segunda tivo lugar en Cangas en setembro nun bar cafetería, cando se atopaba a piques de pechar.

O último dos casos investigados, que xerou gran alarma social pola idade da vítima (75 anos), tivo lugar no lugar da Portela, en Bueu, o pasado marzo.

A colaboración das vítimas coa investigación resultou decisiva para acurtar tempos, posibilitando identificar e arrestar ao presunto autor destas agresións sexuais.

No marco da investigación, que durou algo máis dun ano, no marco da denominada operación Geronta, realizáronse decenas de entrevistas persoais e valoráronse os perfís criminológicos dos sospeitosos que xurdiron durante o proceso.

Todo iso, xunto cos resultados dos estudos xenéticos e os terminais telefónicos investigados, permitiu finalmente a identificación do presunto autor das agresións sexuais.

Tras a detención de J.L.G.M., na súa presenza e coa orde do xulgado de instrución número 2 de Marín, practicouse un rexistro no seu domicilio, no que foron intervidos varios obxectos empregados durante as agresións como un coitelo, unha pistola simulada, cinta illante, unha corda e unha mochila.

A Garda Civil investiga ao detido por estes tres casos, pero non descarta a súa posible implicación noutros feitos.

Comentarios