Pemex elixiu a oferta de Barreras e Navantia pola súa ''solidez''

Pemex elixiu a oferta de Barreras e Navantia, baixo o paraugas da súa filial PMI, pola "solidez" técnica e económica da súa proposta nun proceso de licitación "transparente".

Carlos Morais, director xeral de Pemex Explotación e Produción (PEP), outra das filiais de Pemex que convocou o concurso internacional, destacou, en declaracións a Efe, que a dos estaleiros galegos "foi, sen dúbida, a máis sólida" de cantas concorreron ao mesmo.

Subliñou que os modelos de embarcacións que presentaron Barreras e Navantia eran "de última xeración" e contaban cos "adiantos tecnolóxicos e o nivel de confort requiridos", e ademais a un custo "bastante competitivo".

Morais defendeu que o proceso de licitación, polo que optou o consello de administración de Pemex a pesar de que puido recorrer asignación directa, levouse a cabo "de forma tranquila e transparente".

Garantiu que "non influíu para nada" o feito de que os estaleiros galegos fosen da man dunha filial de Pemex, PMI, que é á súa vez accionista maioritario de Barreiras tras adquirir o 51% dos seus títulos o pasado mes de decembro.

Recordou que a apertura das ofertas foi pública, que todos os pasos do proceso puidéronse seguir a través de internet, e que ningunha das outras ofertas "manifestaron ningunha desconformidade" respecto ao fallo.

O director xeral de PEP incidiu en que Pemex necesitará a medio prazo, "moi probablemente nos tres próximos anos", seis novas unidades de hoteis flotantes como os que encargou a Barreras e Navantia, xa que os que na actualidade ten alugados "están a chegar ao final da súa vida útil".

Preguntado polas opcións dos estaleiros galegos de participar na renovación da flota menor de Pemex, Morais recoñeceu que "é probable" que así suceda, pero non deu máis detalles ao non ser materia da súa competencia.

"Requirimos que nos dean un bo servizo, e se nolo dá PMI co apoio de empresas españolas, será moi benvido", resolveu Morais, quen engadiu que aínda non está decidido se neste caso recorrerase á asignación directa ou a un proceso de licitación similar ao dos floteles.

Comentarios