As patronais seguen a ser unha aposta segura e con tirón

Datas ineludibles do verán chairego e dos seus arredores son, como non podía ser doutro xeito, as festas do patrón de cada localidade, que atopan nestes meses de verán as condicións idóneas para a súa celebración. Estas condicións son tanto meteorolóxicas, por causa do bo tempo, como puramente sociais, debido á chegada de familiares doutras terras e ó tempo libre que hai durante as vacacións. Con este contexto favorable, o único que falta é que o contido, é dicir, as actuacións e atraccións que cada comisión se encargue de traer, estea á altura das expectativas.

As Pontes

A primeira das grandes citas deste verán son as Festas do Carme, que se celebran nas Pontes de García Rodríguez entre os días 15 e 25 deste mes, con algunhas propostas que xa se incluyen no apartado de festivais como o Nabiza Rock ou o Festival Folk da Fraga.

No apartado dos festexos patronais propiamente distos vale a pena destacar a actuación do brasileiro Carlinhos Brown, este venres 15 na Estación de Autobuses, aparte de orquestras como Aché e Charleston (o mesmo día, na Praza do Carme), Armonía Show e Philadelphia (sábado 16), Sintonía de Vigo e Gran Parada (domingo 17) ou Olympus e París de Noia (luns 18), agrupacións que sempre funcionan como apostas seguras.

O último día de festexos, luns 25, coincidirá coa popular Romaría da Fraga, no que a música se sitúa nun segundo plano en favor da diversión, os excesos e a tolemia. Aínda con todo, as orquestras que amenizarán esta concorrida festa, Miramar e Palladium, non estarán faltas de calidade.

Castro

No Concello de Castro de Rei, aparte das patronais na capital do municipio, celebradas a pasada fin de semana, teremos grandes festas en Duarría e Castro Riberas de Lea. As primeiras comprenderán os días que van desde o 28 deste mes (coa actuación das orquestras Panorama e París de Noia) ata o 1 de agosto. O gran día será o venres 29, no que cantarán artistas da talla de Sergio Dalma, Tamara ou Soraya, ademáis do sorteo de 1.200 euros que organiza a comisión. A entrada para este evento terá un precio de 15 euros e poderá comprarse de forma anticipada.

Na localidade veciña de Castro Ribeiras de Lea honrarán a San Roque e ó Doce Nome de María entre os días 5 e 8 de agosto cunha programación festiva na que destacarán as orquestras París de Noia e Olympus. Durante o mesmo mes haberá, así mesmo, festexos noutras localidades coma Xermade (5, 6 e 7), Meira (do 14 ó 17, con actuacións como Coti ou Pasión de Gavilanes), Parga (20, 21 e 22) e Pol, onde o día 24 se celebrará a Festa do Emigrante.

San Ramón

Tamén en agosto e enlazando con setembro hai en Vilalba os tradicionais festexos de San Ramón e Santa María que, coma tódolos anos, comezan coa Xira dos maiores, o día 24, e continúan coa popular Xira campestre, os días 27 e 28. Aparte diso, haberá grandes orquestras como Los Satélites, Trébol ou Millenium nos días do patrón (31 de agosto) e da feira (4 de setembro), ademais das grandes atraccións musicais que, ó igual que o ano pasado, se presentarán en forma de galas.

A primeira destas galas será o martes día 30, con Efecto Mariposa, Soraya e Pastora Soler; mentres que a segunda, na que actuarán La Guardia, Bertín Osborne e un espectáculo de musicais, quedará para o xoves 2. Entre medias está o día da patroa Santa María, mércores 1, para o que se prepara un ‘Festival Retro’ con artistas da talla de Karina, Jeanette ou o italiano Francesco Napoli. Por último, o sábado 3, outro festival, desta volta en clave galega, achegarános as propostas de Astarot, Sabela, A Roda e a ‘eurovisiva’ Lucía Pérez.

Durante o mes de setembro, xa co remate do verán, outros concellos como o de Abadín ou A Pastoriza tamén celebrarán as súas festas patronais.

Comentarios