Patrimonio inicia o proceso para declarar BIC o castro de Fazouro

As primeiras intervencións no xacemento focense, o único costeiro escavado da costa cantábrica galega, son de 1963 e agora mesmo está pendente da reparación dalgúns danos
Castro de Fazouro, en Foz
photo_camera Castro de Fazouro, en Foz

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, acaba de empezar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de xacemento arqueolóxico, o castro de Fazouro, en Foz. Deste xeito, o ben contará de forma inmediata e provisional co réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC e para esta categoría en particular. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada por Patrimonio, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos.

A maiores, tal e como figura na resolución publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

Segundo os informes elaborados sobre o castro, este xacemento ten «un indubidable valor histórico e arqueolóxico», ao estar sentado nunha pequena península que penetra no mar ao carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo con estruturas visibles e musealizadas. Ademais este xacemento é o único costeiro escavcado e musealizado na costa cantábrica galega, «e neste senso é un referente para o coñecemento e a disfusión dos valores culturais da época castrexa».

As intervencións que se levaron a cabo nel, que comezaron en 1963, permitiron obter moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada, e grazas a elas puidose encadrar entre os séculos I e III despois de Cristo.

Neste intres, o castro está pendente dunha actuación para repara os danos que se produciron nas paredes dalgunhas das vivendas do xacemento. O alcalde, Javier Castiñeira, asegura que esta actuación ten «prioridade máxima» para Patrimonio e que se levará a cabo o antes posible.

A Consellería de Cultura tamén publicou onte a licitación do contrato para as obras de adecuación da casa reitoral da basílica de San Martiño de Mondoñedo, que se converterá en centro de interpretación. En concreto o investimento ascende a 102.826 euros e o prazo de execución será de tres meses.

A adaptación destes espazos enmárcase no acordo firmado pola consellería, o Concello e a diócese de Mondoñedo-Ferrol para a posta en marcha dun proxecto museográfico do centro de interpretación na igrexa de San Martiño. A inversión total no proxecto, que engadirá valor ao tempo declarado BIC, suporá 200.000 euros.

VALORACIÓN. O alcalde focense destacou onte o valor das dúas novas culturais que se coñeceron onte a través do DOG: «Son moi boas novas culturais para o noso concello e froito tamén dunha boa xestión e boa promoción do noso patrimonio que entendemos que é fundamental para que Foz siga sendo unha referencia neste senso en toda a comarca da Mariña».

Comentarios