Patrimonio dos Ancares sinaliza mámoas para evitar desfeitas

Pide apoio aos concellos da comarca para preservar e dar a coñecer os restos
Mámoa de Lagorzos, en Becerreá, con pinos y el cartel señalizador
photo_camera Mámoa de Lagorzos, en Becerreá, con pinos y el cartel señalizador

O colectivo Patrimonio dos Ancares puxo en marcha unha campaña de sinalización de mámoas e petróglifos para evitar desfeitas por descoñecemento. Tras constatar que a actividade forestal danou numerosos enterramentos megalíticos na montaña lucense, decidiu identificalos con carteis e pedir aos concellos que colaboren nesta iniciativa.

Xabier Moure, membro de Patrimonio dos Ancares, explica que "sinalizar os xacementos é unha forma de advertir aos posibles agresores de que non se pode actuar impunemente sobre o patrimonio arqueolóxico". Manifesta, ademais, "a esperanza de que as administracións, que son as que teñen a obriga de preservar e dar a coñecer o noso patrimonio, tomen nota e se poñan mans á obra".

Moure indicou que xa se puxeron en contacto con algúns concellos, como o de Baleira ou o de Becerreá, para advertir sobre danos importantes nalgúns xacementos.

Concretamente, Moure citou as mámoas de Cabeza do Río e Louseira, en Becerreá, e a necrópole megalítica de Restelo, entre Baleira, A Fonsagrada e Navia de Suarna. En ambas as dúas foron plantados piñeiros e a maquinaria forestal causou danos importantes. Apunta que en Louseira, incluso "unha pista cortou parte do enterramento" e en Restelo detectáronse escavacións furtivas.

Os traballos de sinalización comezaron polas necrópoles megalíticas de Chao do Marco e Lagorzos, en Becerreá, e en Pena dos Mouros, en Cervantes. Tamén limparon a contorna e sinalizaron o petróglifo de Robledo, tamén en Cervantes.

Xabier Moure apunta que nos Ancares hai localizados 72 túmulos megalíticos, 11 petróglifos e 138 castros, dos cales só un, o de Santa María, en Cervantes, está debidamente sinalizado.

Comentarios