Patricia Torrado Queiruga e Paula Domínguez gañan o Torre de Caldaloba

O xurado do terceiro certame poético convocado por Culturalia GZ, o Concello de Cospeito e a asociación veciñal de Pino tamén recoñeceu as obras de Abraham Pérez e María Montenegro
Xurado do premio Torre de Caldaloba. EP
photo_camera Xurado do premio Torre de Caldaloba. EP

Patricia Torrado Queiruga, na categoría de adultos, e Paula Domínguez Barreiro, na de menores de 18 anos, veñen de facerse cos dous primeiros premios do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, organizado conxuntamente polo Concello de Cospeito, Cuturalia GZ e a asociación veciñal de Pino. A entrega dos galardóns está fixada para este sábado día 19, ás 18.00 horas, no local social de Pino.

O xurado —Armando Requeixo, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez e Xosé Otero Canto— quixo recoñecer a obra de Torrado Queiruga, Herdar a fala, por ser "un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido". Incide, ademais, en que "amosa de xeito ambiguo unha ferinte ausencia do fillo" e destaca a súa "composición de estrofas brutais ante unha realidade desacougante".

A autora recibirá 1.500 euros, e a editorial Alvarellos publicará o libro, igual que fará co poemario merecedor do segundo premio na categoría de adultos, Unha teoría para os espectros, asinado por Abraham Pérez. Para o xurado, os seus versos expresan "un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento". Tamén se pon en valor que "convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana".

Na modalidade de menores de 18 anos, Paula Domínguez e o seu Outubro en dous actos impúxose ao resto de obras pola súa "riqueza lingüística e acertado uso de recursos estilísticos", así como polo seu "coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema".

O segundo premio foi para o Derradeiro adeus de María Montenegro Jamardo, un poemario "con versos sinxelos" e de "poesía realista", mais "cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora", di o xurado, que sente "a dor e a tristura que provoca un adeus".

Comentarios