Pastor: ''Non actuar ante a quebra das autoestradas implica herdar unha débeda de 5.000 millóns''

A ministra de Fomento, Ana Pastor, advertiu hoxe aos que critican que o Estado se implique en buscar unha solución á quebra das autoestradas de peaxe de que a alternativa consiste en que o erario público herde delas unha débeda de case 5.000 millóns de euros.

Nunha entrevista na cadena SER de Canarias, Pastor rexeitou que se chame "rescate" á operación que planea o Goberno ante a quebra das autoestradas de peaxe, co argumento de que non se pode denominar así porque o déficit xerado polas concesionarias non o absorberán as arcas públicas. "Quen utilice a palabra rescate no sentido de pór diñeiro os cidadáns, que saiba que teñen que borrala, porque isto non é un rescate, aquí non se pon diñeiro de ninguén, non se pon diñeiro dos cidadáns", recalcou a ministra.

Pastor explicou que, "ao contrario, faise unha quita aos bancos, faise unha quita a todos os concesionarios e créase unha empresa pública"

De acordo coa solución proposta polo Goberno, engadiu, "o Estado recupera esas estradas que construíu un terceiro co seu diñeiro", e evítase "ter que levar ao déficit público de España máis de 5.000 millóns de euros" derivados das débedas dos responsables privados desas vías. Neste sentido, salientou que "o primeiro que teñen que entender ben todos os cidadáns" é que, conforme aos contratos que se asinaron no seu día para facer concesións destinadas á construción de autoestradas de peaxe, cando unha delas crebe debe aplicarse a chamada responsabilidade patrimonial do Estado.

Iso implica, subliñou, que o Estado queda con esa estrada pero se ve obrigado a asumir as débedas que se xeraron ao redor dela. E recalcou que, neste caso concreto, sería preciso achegar uns 5.000 millóns de euros, pero o Goberno "está a traballar" para aplicar unha fórmula que evite que ese diñeiro salga das contas estatais, creando unha entidade de xestión das autoestradas participada polas empresas concesionarias e a banca.

Mediante esa fórmula, insistiu, "os usuarios, os cidadáns, van pór cero euros".

Comentarios