Pastor Díaz recibiu unha sentida homenaxe no día do seu bicentenario

Responso celebrado en memoria de Pastor Díaz (Foto: Antonio López)
photo_camera Responso celebrado en memoria de Pastor Díaz (Foto: Antonio López)

Un dos nomes máis ilustres que deu Viveiro recibiu onte unha sentida homenaxe con motivo do 200 aniversario do seu nacemento. O Seminario de Estudos Terra de Viveiro non esqueceu esta efeméride e preparou varios actos para recordar ao político e escritor Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, aos que non quixeron faltar numersosos veciños, ademais de representantes da corporación municipal.

Na igrexa de San Francisco descansan os seus restos e alí, ante a súa tumba, deixaron flores e ouviuse o responso do párroco José Belo. A continuación a comitiva desprazouse á Praza Maior, onde se ergue a súa estatua, na que colocaron unha coroa. Foi este mesmo o lugar elixido para escoitar de novo algúns dos seus versos, nesta ocasión en boca de varios alumnos de centros educativos de Viveiro, que leron ‘A sirena do norte', ‘Alborada', ‘Bolboreta negra' e ‘á lúa', entre outros poemas. Non faltou a música a cargo dun grupo de estudantes do conservatorio.

O Seminario de Estudos, que preside Carlos Novo Cal, organizou tamén unha exposición que aínda pode visitarse na sala da planta baixa do conservatorio, na que a través de fotografías, gravados e outros documentos faise un repaso pola vida deste polifacético vivariense, que na súa faceta política ocupou diversos postos no Goberno como ministro de varias carteiras, senador ou embaixador en Portugal. Ostentou ademais outros cargos como o de presidente da Real Academia Española da Lingua.

Comentarios