Paseando leitugas e outras parvadas

Hai xa algún tempo que se estendeu entre a xuventude chinesa a moda de sacar de paseo, atados cunha correa como se de canciños se tratase, leitugas ou repolos. Seica a cousa non é preocupante. Agardemos que, como case todas as modas, sexa efémera e non vaia a máis porque, tan numerosa poboación, o mesmo nos deixa sen ensalada e sen verdura para o caldo. Fóra diso, segundo algún psiquiatra de por aló, desde que a persoa toma conciencia de ser tan simple e solitaria como unha leituga, faise amiga dela, toma conciencia do problema e ese é o punto de partida da solución. Non me negarán que, por moito menos, aquí houbo quen, ao longo da historia, deu cos ósos nun manicomio.

O preocupante, coido eu, é ese espírito gregario que leva a imitar condutas irracionais. Custa comprender que unha acción tan masoquista como nihilista teña efectos terapéuticos; mais, se o di un psiquiatra chinés, eu debería calar. Pero non calo. Non é cousa de buscar culpábeis, porén hainos e cómpre localizalos xa que, por máis que aconteza tan lonxe, a globalización non entende de distancias e si de consignas que, se non son as mesmas, seméllanselles.

Son culpábeis os que consideran perigosos aos rapaces e rapazas que, desde a reflexión, se implican en movementos reivindicativos e, pola contra, aplauden parvadas coma esta cuxo único mérito é non facer perigar o sistema.

E son culpábeis tamén os que, desde o ensino, sumidos na inercia e a rutina, non lles axudan a atopar camiños novos no asfalto vello. Neste senso, para ben, quero citar ao IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. O profesorado deste centro soubo atopar na celebración das Letras Galegas unha magnífica canle para as inquedanzas do alumnado. Por exemplo, a curta ‘Os camiños esquecidos’, que puiden ver e gozar nunha exhibición na Coruña, é resultado do entusiasmo de profesorado e alumnos, xuntos nun proxecto común que, estou certa, lles abriu moitas perspectivas a uns e outros. Non sería estraño que desta experiencia partisen vocacións orientadas ao cine, a música, a danza ou a propia literatura. Porque, recoñezámolo, a xente nova só abraza causas absurdas cando non se lle ofrece algo mellor.

Moi positivo sería que os creadores de tendencias, como adoitan ser chamados, no canto de parvadas semellantes á de pasear leitugas, ollasen arredor e reparasen nas mil e unha cousas que merecerían o seu esforzo. Para sermos verzas, leitugas, repolos ou devirmos en impersoais verduras de invernadoiro, abonda con que nos deixemos guiar polos que nos ven perigosos por defender a lingua ou a honradez en todos os ámbitos, incluído o político.

Comentarios