Paris Saint Germain, Benfica e Zenit, novos campións

O Paris Saint Germain, en Francia, o Benfica en Portugal e o Zenit San Petersburgo en Rusia, amarraron os títulos das súas respectivas Ligas e con antelación ao peche do presente exercicio. A terna únese ao Barcelona en España, que tamén selou o seu éxito este fin de semana para completar o círculo das grandes competicións do Vello Continente. Os novos campións únense ao Chelsea, na Premier, ao Bayern Múnic na Bundesliga e ao Juventus, na Serie A italiana, que celebraron a conquista prematuramente. Ademais, o Dinamo Kiev proclamouse campión en Ucraína, o Basilea en Suíza e o Ludogorets en Bulgaria.

O Paris Saint Germain gañou en Montpellier (1-2) e selou a conquista do quinto título da liga de Francia, terceira consecutiva, a falta dunha xornada para o peche da tempada 2014-2015. O equipo que dirixe Laurent Blanc encarrilou a vitoria definitiva antes da media hora do encontro disputado en Montpellier. Primeiro co gol de Blaise Matuidi. Despois, co anotado polo arxentino Ezequiel Lavezzi. Cinco minutos antes do intermedio, Anthony Mounier marcou o tanto local. Ademais, o Lyon, segundo clasificado e o único que podía apartar ao combinado parisiense do título, non puido co Bordeus e non pasou do empate a un gol. O Paris Saint Germain engade este título aos obtidos nas campañas 1985/86, 1993/94, 2012/13 e 2013/14.

En Portugal, o empate sen goles cultivado polo Benfica no estadio do Vitória Guimarãé foi suficiente para que as aguias se proclamaran campioas da Liga lusa por trixésimo cuarta vez na súa historia e a falta dunha xornada para que acabe o torneo. O conxunto lisboeta aproveitou o tropezo do Porto de Julen Lopetegui no estadio do Belenenses, onde logrou un empate (1-1) que deixou aos dragóns sen opcións de remontar os tres puntos e a diferenza de goles que o Benfica mantén ao seu favor. O Benfica suma así o seu segundo título ligueiro consecutivo, algo que non lograba desde hai 31 anos, e consolida o seu status de club máis laureado da historia de Portugal con 34 trofeos, fronte aos 27 do O Porto e os 18 do Sporting.

En Rusia, o Zenit San Petersburgo do portugués André Vilas-Boas proclamouse campión por cuarta vez na súa historia ao empatar ante o Ufá (1-1) a falta de dúas xornadas para o final do campionato. O décimo quinto gol da tempada da súa estrela, o brasileiro Hulk, foi suficiente ao Zenit para adiantarse no marcador na primeira parte e alzarse co título, aínda que os locais empataron ao final do partido por medio do bosníaco Handzic. Ao equipo da antiga capital zarista valíalle o empate, xa que avantaxaba ao segundo clasificado, o Krasnodar, en oito puntos, pero os futbolistas do Zenit saíron a pola vitoria desde o principio.

Éste é o cuarto título na historia do equipo de San Petersburgo (2007, 2010 e 2011-12), que tamén se alzou cun campionato soviético (1984). Nos últimos dous anos o título de liga levouno de xeito consecutivo o CSKA Moscova, un equipo cun orzamento moito máis baixo que o Zenit.

En Ucraína, o Dinamo Kiev gañou ao Dnipro (1-0) e conquistou o decimotercer título da liga de Ucraína da súa historia, o primeiro desde o 2009, que acaba co dominio no último lustro do Shaktar Donetsk.

O Basilea revalidou o título da Superliga suíza, ao empatar a cero ante o segundo, o Young Boys, que xa non o pode alcanzar a pesar de que quedan tres xornadas por diante. O conxunto do portugués Paulo Sousa avantaxa en once puntos ao seu perseguidor, co que xa pode festexar o seu sexto título consecutivo e o décimo oitavo da súa historia, o que lle achega ao Grasshopper (27 coroas).

O Ludogorets de Razgrad gañou este venres, por cuarta vez na súa historia e por cuarto ano consecutivo, o título de campión de Bulgaria, tras derrotar a Lokomotiv de Sofía por 4-1. O club de Razgrad, unha pequena cidade de 35.000 habitantes no centro do país, venceu no seu estadio ao histórico Lokomotiv e tras o encontro quedou en 62 puntos.

O resto de grandes Ligas define obxectivos menores. O Borussia Mönchengladbach asegurouse este domingo a súa clasificación directa á liga de Campións, ao derrotar a domicilio por 0-2 ao Werder Bremen mentres que o Hamburgo quedou ao bordo do descenso, ao caer nun duelo crave na loita pola permanencia por 2-1 ante o Stuttgart.

O Bayern, pola súa banda, coa Bundesliga xa asegurada, perdeu por 2-1 ante o Friburgo que sumou así puntos importantes na súa aspiración de permanecer na primeira Bundesliga.

En Inglaterra, o marfileño Yaya Toure e o español David Silva guiaron ao Manchester City á vitoria en Swansea (2-4), un resultado que asenta ao equipo do chileno Manuel Pellegrini no segundo posto da Premier. Un autogol de Tyler Blackett, a oito minutos do final, equilibrou o tanto inicial do español Ander Herrera que frustrou o triunfo en Old Trafford do Manchester United e evitou a derrota do Arsenal (1-1), que se aferra á terceira praza da Premier. A falta dunha xornada para a conclusión da liga inglesa a pelexa polos postos da liga de Campións segue aberta. O Arsenal, terceiro e cun partido máis aínda pendente, fronte ao Sunderland, está a cinco puntos do Manchester City, que previamente gañou a domicilio ao Swansea (2-4).

En Italia, o Lazio, que gañou en Xénova ao Sampdoria e o Roma manteñen a pelexa pola segunda praza, de acceso directo á liga de Campións.

Comentarios