Pardiñas abrirá este outono un centro de formación para os transportistas

Instalaciones del centro logístico de Pardiñas, emplazado en el polígono industrial de Guitiriz (Foto: N. Rodríguez)
photo_camera Instalaciones del centro logístico de Pardiñas, emplazado en el polígono industrial de Guitiriz (Foto: N. Rodríguez)

O centro loxístico de Pardiñas, radicado no polígono industrial de Guitiriz, prevé pór en marcha no outono un innovador servizo de formación de transportistas, orientado a facilitar aos profesionais da estrada tanto a obtención de todos os permisos legais que requiren para o normal desenvolvemento da súa actividade, así como a posibilidade de participar en cursos e seminarios formativos que lles resulten de utilidade para a súa actividade profesional, tal e como avanzou o presidente desta sociedade de transportistas, Belarmino Torrente.

Catro días despois do inicio da actividade deste proxecto empresarial, que pretende consolidarse como plataforma loxística e central de compras para os socios transportistas, Torrente mostrouse moi satisfeito co arranque desta iniciativa, que, entre outras moitas prestacións, posibilita aos transportistas asociados beneficiarse de descontos de ata once céntimos de euro no prezo do litro de gasóleo, unha vantaxe que se reduce a nove céntimos no caso de condutores profesionais e a seis para o resto dos automobilistas.

A subministración de carburante a un prezo inferior ao que fixa o mercado é o primeiro obxectivo xa cumprido por esta aínda incipiente sociedade, que, segundo comentou o propio Belarmino Torrente, prevé establecer convenios de colaboración con outros dispensadores de carburante sitos en Irún e A Junquera -rutas internacionais- e en Xaén -transporte nacional-, a fin de garantir á maior parte dos transportistas adheridos ao centro de Pardiñas a posibilidade de encher carburante nas condicións máis vantaxosas posibles.

As previsións desta nova sociedade de transportistas, «un proxecto que xa se debería converter en realidade na época de vacas gordas», comenta Torrente, pasan por xestionar todo tipo de servizos e prestacións relacionadas coa actividade transportista, desde a provisión de material de reposto e mantemento de vehículos a baixo custo ata a oferta doutros servizos paralelos dirixidos a cubrir calquera necesidade dos profesionais do volante.

Expectativas

  • «Xa se empeza a notar que hai falta de camións»

O presidente do centro loxístico de Pardiñas, Belarmino Torrente, defende que o transporte é un sector que aínda ten futuro, posto que «despois do forte proceso de regulación ao que foi sometido ao longo dos últimos anos, agora xa se empeza a notar que hai falta de camións, porque, a diferenza, si existe carga de traballo».

  • Xestión de cargas

A xestión de cargas para os preto de 200 transportistas adheridos ao centro loxístico de Pardiñas é outro dos proxectos de futuro que manexa o consello de administración desta sociedade, que aposta pola redución de custos como vía para superar esta delicada situación económica. Outra das iniciativas baralladas é a xestión conxunta de seguros, tanto persoais como dos vehículos, o que podería deparar un nada desdeñable aforro, segundo indicou Torrente. Este directivo aludiu tamén á oferta en aluguer de áreas de estacionamento no polígono de Guitiriz, o que reportaría ingresos para a sociedade.

Comentarios