Paradela regula a venda ambulante para protexer o Camiño Francés

A actividade queda prohibida, excepto para a repartición a domicilio e eventos con permiso

O Concello de Paradela elaborou unha ordenanza para regular a venda ambulante no municipio co obxectivo primordial de protexer o Camiño Francés, onde queda prohibido o exercicio desta actividade. A normativa, que foi aprobada nun pleno co voto unánime de toda a corporación, si permite a continuidade de servizos que se consideran "básicos" para a poboación da zona rural, talles como a repartición a domicilio de pan e outros produtos de alimentación.

A ordenanza permite tamén a instalación de postos ambulantes con motivo da celebración de feiras e festas, a condición de que obteñan autorización do Concello e nas condicións que marque a nova normativa. O alcalde, José Manuel Mato, explicou que o espírito desta ordenanza é o de "protexer" o Camiño de Santiago e evitar que se converta nunha "marabunta" de postos sen regulación.

A preocupación pola proliferación de negocios itinerantes ao longo da ruta xacobea xa foi tratada o pasado ano durante unha reunión da Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés, na cal os alcaldes coincidiron na necesidade de pór freo a unha actividade que, segundo indicaron entón, resta "calidade" a esta vía de peregrinación. Ademais de Paradela, outros concellos, como O Pino e Portomarín, aprobaron sendas ordenanzas en termos similares.

EXPROPIACIÓN. O Concello tamén finalizou o expediente de expropiación para eliminar un tapón urbanístico en Toexe. En breve fixará a data de ocupación dos terreos e o pago do justiprecio para poder iniciar canto antes a mellora do acceso a este núcleo de Santalla de Paradela.

De igual modo, o pleno acordou apoiar a iniciativa de Casas Neno da Xunta e adherirse ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, paso previo para a apertura da residencia de maiores de Paradela, cuxa obra está lista a falta só de equipamento.

Comentarios