''Para min, é unha ilusión moi grande feita realidade''

María Belén López Ruiz, profesora no IES de Xove que escribiu un libro sobre as aventuras dun mariñeiro galego

¿Como coñeceu a Ramón de Sobradelo?

En setembro de 2008 cheguei a Vilagarcía destinada a un instituto e busquei vivenda por internet. As casualidades da vida leváronme a arrendar unha casa de Ramón, en Sobradelo. Él ten agora 90 anos e foi mariñeiro, encántalle contar as súas aventuras. A min gústame escoitar historias que pasaron realmente, polo que moitas tardes achegábame á súa casa e sempre me contaba algo.

¿Por que escribe a súa historia?

Un día propúxome que lle escribise unhas memorias para deixarllas aos seus netos. A min pareceume un reto marabilloso, xa que sempre tiven ganas de escribir algo.

¿Que supón para vostede a publicación deste libro?

Para min, este libro é unha ilusión moi grande feita realidade, pero o máis importante é a ilusión que lle fixo a Ramón, o meu amigo, pois para el é a culminación dunha vida chea de tristezas, alegrías e, sobre todo moito traballo e amor cara á súa familia. á parte das súas aventuras, o que máis perdura no seu recordo é a súa muller, falecida hai tres anos. Espero que quen o lea viva mentalmente cada un dos pequenos relatos e saiba gozar como eu o fixen ouvindo a Ramón.

Comentarios