sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Para manter a tónica

Un gin tonic nada falto de limón (Foto: AEP)
Un gin tonic nada falto de limón (Foto: AEP)

Hai anos convivo cunha botella de xenebra. Sempre é a mesma e concreta botella de xenebra. O meu pai aburriu de cear na casa e redondear as sobremesas esmoleando xenebra nos bares dos soportais cercanos. Unha noite apareceu na casa cunha Bombay Sapphire. Era azuliña e tenra, coma os ollos que lles nacen ás crías de gatos. Ao rematar aquela cea, posouna nun andel coma un trofeo infantil de baloncesto. Alí quedou.

Non menos certo é que o retrato da raíña Victoria na etiqueta méteme respecto colonial. Segundo fachendean os fabricantes, aplican unha fórmula ideada en 1761. Como pinchacarneiro, engaden que evaporan o licor para que pase a través de dez ingredentes botánicos, erixindo así o seu delicioso panel aromático.

O meu pai era un bebedor social, deses que unicamente goza do alcohol se o brinda con alguén, polo que gastaba pouca xenebra. Nunca lle preguntei, pero supoño que se adentrou nas procelosas tónicas co licor de nome holandés amanecendo os anos 50, cando empezou a buscar gas polo deserto de Libia para unha compañía británica posvitoriana.

Un capricho aléntame a pensar que naquelas grandes tendas de campaña chantadas na area inesgotable de ningures reservaban o seu espazo para unhas caixas de xenebra Gordon’s e tónicas Schweppes Indian Tonic, por ser as marcas que consumía Ernest Hemingway na cubana Finca Vigía. O Dry Martini de James Bond tamén recorre a esta marca poderosa de licor remexéndoa con vodca e vermú Lilet.

A Gordon’s é unha xenebra que foi desaparecendo en moitos lugares, malia ser ben valorada polos sabedores polo seu equilibrio e por ter unha suavidade semellante á que ofrece a Beefeater.

Os ánimos promocionais do fabricante empuxaron ata a miña casa latas de Nordic e, nunha recente estadía londinense en Bloomsbury, animeime a mercar unha botella de Tanqueray, por ser ese o barrio no que empezou a producila Charles Tanqueray, fillo dun crego, o que vén sendo toda unha garantía.

Algunha que outra noite xunteinas nunha copa preciosa de balón con tonalidades verdes que me regalaron os fabricantes da bebida espiritosa. A Nordic acáeme un chisco doce de máis de entrada, aínda que logo se compensa con sabia amargura. A combinación pareceume razoable ata que lle lin a Salvador Sostres afirmar, con crueza, que «é, directamente, unha merda» e que a fetén era a Schweppes polo seu dozor equilibrado e a súa burbulla perfecta.

Ferrán Adrià anda loubando a Fever Tree, pero, polo de agora, voulle seguir dando cancha á Nordic xunto con esa botella de Tanqueray, que, ao meu ritmo de consumo, queda reservada para o terzo de mellora dun fillo. Espero que a trate con tanta devoción como coido eu a de Bombay Sapphire do meu pai, que quedou na casa, agardando por el. Para sempre.

vía oral

Para manter a tónica
comentarios