Papulias, última esperanza para Grecia

Un veterano socialista de 83 anos, loitador na súa adolescencia contra a ocupación nazi e experto diplomático parece ser a última esperanza para que Grecia conte cun Goberno de coalición que evite celebrar novas eleccións.

Carolos Papulias, presidente da República de Grecia, asumirá desde hoxe o papel de xogador de xadrez no complicado taboleiro da política grega, onde as eleccións do domingo resultaron nun Parlamento fragmentado en sete partidos que non foron capaces de pechar un acordo de Goberno.

Hoxe, o sexto xefe do Estado desde a restauración da democracia en 1974, recibirá de volta o mandato que entregou o xoves a Evangelos Venizelos, o líder do socialdemócrata Pasok e terceiro dirixente en fallar á hora de formar unha alianza.

Ante a falta de acordo dos políticos, o que foi xefe da diplomacia grega durante sete anos en períodos distintos, terá que aplicar toda a súa capacidade de negociación para cociñar un acordo entre os partidos.

A rolda de contactos que se espera inicie Papulias o vindeiro luns foi cualificada polos diarios Kathimerini e Ethnos como "a última esperanza para formar un Goberno".

O presidente é especialista en Dereito Internacional, membro fundador do Moviemiento Socialista Panhelénico (Pasok) e un experto en liquidar conflitos.

En 1988 asinou un importante pacto para suavizar as tensas relacións con Turquía.

O mesmo fixo en 1995 ao pechar un principio de acordo na polémica con Macedonia polo uso dese nome. E en 1987 levanta o estado de guerra con Albania que existía desde 1945, aínda que en novembro de 2005 protagonizou un incidente diplomático con ese país ao cancelar unha reunión bilateral.

A Segunda Guerra Mundial e a ocupación nazi colleronlle cando era un estudante de secundaria. Entón, traballou coa resistencia aliada e con 14 anos foi un dos guerrilleiros máis novos do Exercito Popular Grego de Liberación.

Durante a ditadura militar da Xunta dos Coroneis (1967-1974) xogou un importante papel no movemento de oposición democrática desde Alemaña.

En 2005 foi elixido co apoio de 279 dos 300 deputados. Cinco anos máis tarde foi reelixido tamén cun apoio maioritario e o consenso das grandes forzas parlamentarias.

Casado e pai de tres fillas, tras a súa elección como xefe do Estado anunciou que seguiría vivindo na súa residencia privada no centro de Atenas e non no Palacio Presidencial.

En febreiro de 2012 renunciou ao seu soldo de 283.694 euros anuais.

Tamén nese mes, recriminou ao ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schauble, as súas dúbidas sobre se Grecia cumpriría os seus compromisos coa Unión Europea.

"¿Quen se cre que é o señor Schauble para ridiculizar a Grecia?", espetou Papulias.

Nova advertencia de Alemaña

O ministro alemán de Exteriores, Guido Westerwelle, advertiu de que as axudas da Unión Europea a Grecia poderían quedar en suspenso no caso de que ese país suspenda o proceso de reformas e incumpra os compromisos adquiridos.

"Se un novo goberno (grego) suspende unilateralmente os acordos non poderán continuar dándose novas axudas", sinala Westerwelle en declaracións que publica hoxe o rotativo Die Welt, nas que, a pesar de todo, espera que os partidos proeuropeos cheguen finalmente a un acordo de coalición en Atenas.

Comentarios