Palas estuda aplicar ás eléctricas unha taxa por ocupación de terreos

Unha sentenza do Tribunal Supremo acepta que os concellos cobren pola superficie afectada por liñas de alta e media tensión
Pablo Taboada
photo_camera Pablo Taboada

O Concello de Palas de Rei estuda implantar unha ordenanza encamiñada a gravar cunha taxa ás compañías eléctricas cuxas liñas de alta e media tensión ocupen terreo de dominio público local ao longo de todo o termo municipal. 

O alcalde deste concello, Pablo Taboada, explica que decidiu dar este paso animado por cinco recentes sentenzas do Tribunal Supremo que deron a razón aos municipios de Arteixo (A Coruña), Serradilla (Cáceres) e Villalcampo (Zamora), na súa intención de aplicar este gravame tanto ás liñas de alta e media tensión como ás canalizacións de gas, en contra do criterio de empresas como Rede Eléctrica, Unión Fenosa e Gas Galicia que, ata agora, non pagaban por atravesar terreos. 

Pablo Taboada calcula que Palas de Rei conta con preto de 10 quilómetros de liñas de alta tensión e máis de 21 de media. "Son infraestruturas que inutilizan eses terreos que atravesan, polo que o lóxico é que as compañías paguen por ese uso que fan deles", di. 

O rexedor palense anuncia que, como paso previo á redacción desta taxa, buscará o asesoramento tanto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como da Deputación Provincial de Lugo para a realización dun estudo técnico-económico que sirva para calcular as tarifas que se aplicarían. 

Aínda que o Concello de Pas aínda non cuantificou economicamente o que podería supor a mencionada taxa, Pablo Taboada fai referencia a un informe realizado por Gonzalo Avogados e o gabinete técnico Valbuena e Ron Enxeñeiros para a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que establece unha pinza entre 3.000 e 12.000 euros por metro líneal, segundo sexa liña de media ou alta tensión. "Sen chegar a estas cifras e aínda considerando que esa taxa se aplicase por quilómetro líneal, estariamos falando duns ingresos duns 40.000 euros máis ao ano que, sen dúbida, serían un gran beneficio para os veciños", asegura Taboada.

Comentarios